Un xeito pouco común que temos en Galicia de instalar as colmeas é nas lacenas e, anque esta forma de ter as abellas é moi antigo, xa poucas quedan en uso. As alacenas das abellas son uns compartimentos creados nas paredes das edificacións tradicionais co fin de ter alí enxamios que surtisen de mel e cera ós propietarios. Accédese a elas dende o interior das edificacións por unha porta de madeira, a modo de lacena, de aí o seu nome.
Podémolas ver nalgunhas casas, pazos, igrexas, palleiras, muíños, pombais, hórreos… tanto na costa (sobre todo entre o Barbanza e a Costa da Morte onde teñen a máxima concentración), como no interior onde xa son máis escasas, sendo no concello da Estrada un dos poucos onde se poden ver, e en Codeseda temos varios exemplos, tal como poidemos comprobar, nos que a maioría das lacenas vanse arruinando, pero tamén hai vivendas restauradas nas que os propietarios decidiron mantelas.
As partes* das que constan as lacenas son a piqueira, que é o burato polo que entran e saen as abellas. É de pequenas dimensións para que non poidan entrar predadores. A fronte é a lousa que descansa sobre a soleira e pecha a lacena polo exterior. Ás veces a esta tapa engádeselle un topete, para protexer a entrada da chuvia, pero o máis frecuente é que non o teñan. Na maioría dos casos, a soleira prolóngase a xeito de pousadoiro, tanto corrido ao longo da fronte como só baixo a piqueira.
O gran perigo para as abellas está en nós, co exceso de monocultivos, pois noutros tempos as abellas (apis mellifera) apenas necesitaban coidados. Había moitas hortas e terras de cultivo e non se usaban indiscriminadamente insecticidas nin herbicidas. As abellas podían recoller o néctar e carrexalo ata a colmena sin ter que cruzar grandes estradas nin pistas.
A falta de control na entrada de especies invasoras, e a nula capacidade de resposta permitiu que recentemente se instalase un depredador que está poñendo en perigo ás nosas abellas. No ano 2004 detectouse no suroeste francés a velutina, unha nespra invasora que parece ser que chegou de Asia nun barco de carga. No 2010 xa invadira colmeas do País Vasco e un ano máis tarde chegou a Galicia.
As abellas melíferas galegas non contan con defensas eficaces contra esta plaga, que baixa a súa productividade e en moitos casos remata por eliminar totalmente o enxamio, que sigue avanzando ante a práctica pasividade da Administración, e coa case única oposición dos remedios caseiros en botellas de plástico dos propios apicultores.
*José Cernadas fai unha descrición das partes das lacenas no seu libro Os canteiros, técnicas e construccións tradicionais no concello de Carnota
Texto de Fran (Roteiros Galegos)