O padriño erguíase da cama moi cedo, as 2 ou 3 da madrugada e dende as cortes da casa levaba as vacas a pacer e manterse á cerrada da Cruz da Grela. Alí había moi bo pasto xa que a cerrada tiña auga case todo o ano. Cando viña vindo o día, co sol nas costas, xa estaban as vacas mantidas e quedaba deixalas na corte, sen esquecer de estrarllas co toxo dos montes do Outeiro, almorzar un pouco e, cando había traballo de canteiro facelo, e cando non, axudar nas cousas da casa indo a traballar as veighas.
Os menhires ou pedrafitas son monumentos megalíticos funerarios que marcaban unha zona de culto, datados entre os 3000 e os 5000 a.C. Podemos definilos como una pedra chantada no chan verticalmente de diferentes alturas. É o monumento megalítico máis sinxelo e normalmente están formando parte dun lugar de culto onde hai outros elementos que o completan.
Por outra banda tamén debemos contemplar, segundo os xeobiólogos e con moitas reservas, darlle aos menhires unha curiosa interpretación: estes defenden a existencia dunha rede enerxética na superficie da terra, a rede H (Hartmann) formada por unha radiación que se eleva verticalmente dende o chan. Nestes lugares de perturbación magnética era onde se colocaban estas pedras verticalmente coa intención de transformar a enerxía no seu proveito, por exemplo para mellorar o rendemento da terra agrícola.
A eira da Casadeabaixo estaba e está actualmente pechada polo norte por unha serie de columnas de pedra, as da parte de arriba, e de formigón, as da parte de abaixo. A primeira columna de arriba estaba chantada a uns 80 cm. da esquina do muro do lastrado. Tiña unha turra, xa que era que soportaba a maior parte do tiro do arame, e pechando contra ela atopabamos un canceliño de madeira que pasou a ser posteriormente de ferro. Por este cancelo, saíase a un carreiro que nos levaba ata a parte de abaixo da fonte do lugar onde se atopaba o lavadoiro da casa, sito na Besada. Nos anos 90 este foi desmontado e trasladado para a eira da casa xusto debaixo da palleira. Durante décadas ao realizar as tarefas da vida
labrega da casa, é moi posible que a pedra levara algún que outro golpiño, da máquina de segar ou da desbrozadora.
Con motivo da concentración parcelaria e o agrupamento das leiras, os propietarios da Casadeabaixo solicitan o terreo anexo á eira polo norte, precisamente por onde ía o carreiro cara o lavadoiro. Rematado o proceso definitivo por parte da Xunta, concretamente en marzo de 2018, concédenselle uns 6 metros paralelos ao peche polo que deciden mover as columnas e poñelas xa cos novos marcos. Estas son movidas manualmente a excepción da primeira, onde estaba suxeito o cancelo e de onde partía o arame de peche, por ser difícil de mover dado o seu maior volume. Non se fai este cambio ata contar coa presenza da retroescavadora, que estaba acondicionando as novas parcelas, entre elas este anaquiño de terreo que se ía a sumar á superficie da eira. É así como, pasados uns días, a propia máquina despraza as dúas pedras ata o fondo da Calzada, o camiño vello que daba entrada e saída do lugar do Outerio aos veciños cara ao centro da parroquia de Codeseda.
A familia decide marcar as novas parcelas cunhas chantas algo xeitosas que tiña na casa en lugar de pechar cun muro ou columnas. Así, colocan pedras en posición vertical nas novas propiedades – a Carballeira, a Besada, a Calzada – e para marcar o limite cara o oeste colocan a columna citada na esquina do fondo do camiño da calzada, xusto ao lado la estrada xeral.
No momento de rematar a colocación e mirando de pé, noutras posición diferente á que estaba na primeira localización descrita, é cando apreciamos uns trazos antropormorfos: unha cabeza co seu pescozo, cara con ollos, boca, nariz, cuns buraquiños a xeito de orellas… e mesmo chegouse a ver unha cruz (logo coa auga da chuvia desapareceu, xa que era produto da terra pegada no canto da pedra).
Emocionados e moi incrédulos convidan a varios compañeiros sensibles con estes temas a ver a pedra. Eles, ademais da figura xa descrita, comentan o das coviñas, o da parte posterior que parecía un brazo apoiado, e tamén observan unha crista ou trenza, ou trenzado, dende logo era a parte máis enigmática.
Pasadas unhas semanas e xa con tódalas medidas oportunas para non danar o menhir e axudados de maquinaria procedemos ao seu traslado de
novo para a eira e colocámolo na mesma líña e máis ou menos na mesma orientación.
En xuño do 2018 ten lugar a primeira a visita de Calros Solla, do colectivo Capitán Gosende. El é o primeiro que fai unha valoración e isto é o que di:
Artigo de Calros Solla para Faro de Vigo, La Voz de Galicia e en Historia de Galicia:
O domingo 10 de xuño foi requirida a presenza dos exploradores de Capitán Gosende no lugar do Outeiro, parroquia de Codeseda (A Estrada), para dar testemuño do achado dun menhir. A suposta pedrafita está chantada nunha leira denominada A Bighoia (ou Vighoia), parcela adscrita ao dito lugar e estremeira coa estrada EP-7001. A pedra fincada é, grosso modo, un ortoedro de granito (gran fino) no que non se advirten marcas de corte, é dicir, non apreciamos as características “dentadas” que, nos labores extractivos, deixan cuñas e guillos. A rentes do chan, a entosta acada os 120 cm de alto. A 95 cm da base, o chantón presenta unha entalladura, a xeito de pescozo, que lle confire unha fasquía antropomorfa. Tomando como referencia a anatomía humana, a cabeza da figura posúe unhas dimensións de 25 cm de alto, 20 cm de perfil e 12 cm de fronte. Por debaixo da fenda do pescozo, o resto do corpo visíbel ten as seguintes dimensións: 95 cm de alto, 25 cm de costado e 15 cm de peito/costas. Crese que a sección oculta afúndese na terra 1 metro, polo que a altura total da anta atinxiría os 220 cm, aproximadamente. A feitura da pedra lémbranos un poste tensor dun cercado de arame, mais, espalladas polas súas catros caras, contáronse unhas 37 coviñas. Dúas destas concavidades localízanse na “cabeza”, unha a cada lado e no mesmo eixe, reforzando o efecto antropomorfizador. Algunhas das coviñas están unidas por unha canle (cecais, por mor da erosión), asociando estes elementos de dous en dous ou de tres en tres. Amais das coviñas, aprécianse outros riscos, algúns curvilíneos. Na súa localización actual, o seu feitío antropoide acentúase se observamos o vargo na dirección norte-sur. O “nariz” oriéntase cara ao sudoeste. Dende esta perspectiva, un risco que, a medio talle, suca horizontalmente a cara posterior (“lombo”), ofreceríanos con rudeza a visión dunha crecha cabeleira. Con todas as reservas, queda, pois, presentada en sociedade, a pedrafita da Bighoia/Vighoia (O Outeiro-Codeseda).
Pasados uns meses visitan o MENHIR varios arqueólogos e estudosos destes temas. Coinciden coa valoración, as numerosas coviñas confirman que é unha pedrafita, concordan na visión dunha figura antropomorfa pero tamén apoian a idea de que esta puido ser posterior á primitiva pedrafita, ao primeiro menhir. O que máis sorprende en xeral é a crista, trenza da parte posterior superior da cabeza. Aprecian que esa parte é a mais relevante e afirman que incluso podería ser que indique a correcta orientación do menhir.
Podemos afirmar ao 99% que a peza está descontextualizada, fóra do seu lugar, pero… de onde veu? Quen a trouxo para a Eira e a reciclou como columna? En que momento se fixo este cambio de localización?
Con todas as reservas e para intentar entender de onde viu, xurde con moito peso, a idea de que se os da Casadeabaixo tiñan a propiedade que se menciona ao principio do texto, onde se asenta a Cruz da Grela, sabendo que era casa de canteiros e que ían con moita frecuencia a esta cerrada, e intentando establecer unha hipótese para o cambio de localización da pedrafita, comézase a pensar que puido vir da zona da Cruz.
Entendemos a utilización da pedra, material abundante e de calidade, e estamos seguros que para os antepasados da familia non era máis que unha excelente columna xa traballada e que por suposto podían empregar, neste caso se foi así, moito mellor, reutilizar para o peche da propiedade. Crese que así puido chegar ata nós e de feito se non tivese sido así, quen sabe que sería dela.
A Cruz da Grela forma un completo e complexo lugar de culto, no cumio dun outeiro de onde se divisa o mar. En primeiro lugar é preciso sinalar que está asentada sobre unha laxe de pedra onde podemos atopar petróglifos (coviñas, arte e lingua de 4000 anos). En segundo lugar, sabemos que sempre foi un lugar onde abundaba a auga e de feito é posible que nesa chaira no cumio do outeiro se emprazase unha pequena lagoa.
Por todos é sabido que onde hai auga hai vida e por tanto, os lugares onde abundaba a auga eran localizacións sinaladas para os habitantes dese territorio. Por iso non é de estrañar que xusto nese emprazamento próximo a algún manancial e a varias mámoas se atopen ditas manifestacións megalíticas.
De xeito análogo, tampouco é de estrañar que coincida cun cruce de camiños e de feito entendemos que a cruz corresponde á cristianización dun lugar que xa era significativo para os poboadores destas terras, que pasou a formar parte da tradición de culto católico desta zona.
Ese cruce de camiños, ademais de levarnos aos lugares da zona, tamén levan a un lugar coñecido como A Portela, o que indica que podería indicar que fose un lugar de paso.
Non sabemos en que momento histórico aparece a actual cruz de pedra e que había nese emprazamento antes da súa colocación. De feito, a propia morfoloxía da cruz parece indicar que é bastante recente no tempo.
Na actualidade recuperouse unha antiga procesión na que os santos da parroquia de Codeseda son levados ata a Cruz para atoparse coa Virxe de Guadalupe, que é transportada ata alí, dende a súa capela no lugar da Grela. Este encontro ten lugar o 8 de setembro coincidindo coa celebración da Virxe de Guadalupe.
Luis Porto. Casadeabaixo, Outeiro.Xaneiro 2021