A Presa de Leira é unha condución duns 3 km construída no século XVIII para regar os prados e cultivos da zona de Parada (A Estrada, Galicia).
O acueduto
O seu acueduto sobre o río Umia convértea en algo único, podendo ser o máis antigo que se conserva en funcionamento en Galicia.
Situación
Esta construción atópase na parte norte da parroquia de Codeseda, xusto no límite coa de Ribela. Os mapas dixitais da Xunta de Galicia non teñen moita exactitude nesa zona e nos últimos anos modificaron en varias ocasións a «fronteira» entre as dúas parroquias, pero o habitual é que, ó igual que sucede noutros moitos lugares, o mesmo río marcaría a separación e cada un dos apoios laterais do acueduto estaría nunha parroquia diferente.
A obra e o mantemento posterior sempre foi levado a cabo por veciños da parroquia de Parada para regar as súas terras.
Na imaxe remarcouse en amarelo o percorrido da presa. O acueduto está situado no punto onde se cruza o río Umia.
Unha curiosidade é que este travase de auga é a orixe do río Liñares, que posteriormente entrega as súas augas ó río Ulla.
Un muíño co mesmo nome
No Catastro de Ensenada (ano 1752), na pregunta 17 referida a salinas, minas, muíños «harineros» ou de papel, batáns e outros artefactos xa aparece recollido un elemento anotado como muiño de Leira, que aínda se mantén en pé hoxe en día.
Na seguinte imaxe (foto aérea do ano 1957) márcase en cor verde a situación deste muiño, en naranxa a presa e en azul o río Umia.
A Prehistoria
Hai moitos indicios de que, moito antes de albergar este acueduto, este lugar foi moi frecuentado polos habitantes prehistóricos. É unha zona moi protexida dos ventos e da chuvia e está situada nunha liña prácticamente recta que une as numerosas mámoas do monte da Grela, Currelos e o Outeiro; co Castro de Marcenlos (a 500 m do acueduto) e o Castro de Entrecastrelo (a 300 m do acueduto).
Sobre a zona hai bastantes mitos e lendas, sendo unha das máis coñecidas a historia da cova da galiña dos ovos de ouro, feitos que se sitúan nunha gruta que hai nas proximidades.
Nas pedras do río desa zona existen moitos buracos circulares que están interpretados como ocos realizados polos «primitivos» para gardar peixes vivos e outros usos, descartándose a súa formación natural por ser numerosos nese punto e non habelos no resto do leito do río.
O perigo
Na actualidade tanto o acueduto como a presa están moi deteriorados e desaconséllase a súa visita. A construción non foi deseñada para o paso de persoas e existe un considerable risco de caídas.
En caso de visitala, pídese especial coidado para non acelerar a súa ruína.
Noticias de La Voz de Galicia:
Reparación en 2024
No outono do ano 2024 o Concello da Estrada levou a cabo varias reparacións na presa, anunciando para o ano 2025 obras de restauración do acueduto.