Andrea, Lara e Marcela Porto Mato, son netas de Felicitas e Manolo. Atrévense con todos os xéneros literarios e no ano 2009, cando contaban con 20, 16 e 12 anos, batiron un peculiar récord ó ganar catorce premios literarios tanto de narrativa como de poesía, e incluso teatro.
Durante o ano 2012 Andrea remata Superior de Pedagoxía Musical en Vigo, imparte clases de música en Beariz e na Estrada e participa como acordeonista na Gala de Lela de Cantigas e Agarimos. Lara estudia Enxeñeria en Ferrol e Marcela cursa 3º de ESO e nos primeiro semestre do ano xa colleitou 4 premios literarios.
Poesía de Marcela, gañadora do concurso escolar de poesía organizado pola Fundación Rosalía de Castro (ano 2013)
CAIXAS
Desfago por momentos todo o que vivo.
Camúflome entre o prateado dos chopos que medran.
Non podo deixar de agatuñar os recordos.
A túa voz penétrame segundo tras segundo,
pensándote en cada hora sen terte.
A túa ausencia, devórame día a día, máis lentamente.
Escapábanseche da mente os pianos e contestacións dos tríos
os matices, acentuábanse pechando os puntos,
os forte semellaban cravárseche , afogando nas túas células.
Os suspiros conseguiron agarimar os bisturís,
manter o ambiente
o músculo activo,
sen presión ningunha.
So tecían, con puntada fina, a túa pel.
Cando remate todo isto odiarei o verde,
esquecerei os traxes antibacterias
e faremos todo o que tiñamos pensado;
sen medos
sen límites
e sós.
Falo contigo cada segundo no que estas ausente.
A lúa rise ante a miña estampa,
parece e semella, máis ben, cómplice.
Percorreu comigo tódolos medios de transporte,
co único, e indubidable obxectivo de escoitarte respirar.
Desorientoume, fíxome perder o sentido todo
desinmantou(me) a miña brúxula interior.
Fíxome esquecer o sentido do auténtico
pero guioume sempre errante, a ti.
A lúa rise ante a nosa estampa.
A lúa é cómplice.
Vivo somerxida nun mundo de calafríos.
Ti, colúmpiaste na falta de sono que teñen meus ollos.
O final aínda non esculcou a liña do horizonte,
o camiño, semella ter centos de repeticións e dacapos,
o número de obstáculos non parece ter fin.
Eu, murcha e fría, non consigo observar nada.
Só, pequenas cinzas negras, que cobren o intempestivo corpo do féretro.
Acumulei todos os boletos para desintegrarme,
desfacerme entre as vosas mans
entre as vosas verbas.
Desdebuxaremos o lento que anda o tempo,
farémoslle cóxegas ao contador dos teus latidos.
Volveremos a ternos ao un naufragado no outro,
case tres veces por minuto.
En agosto de 2013 participaron coa Banda de Gaitas de Forcarei no Festival Intercéltico de Lorient (Francia).
Neste artigo da súa autoría resumen esa viaxe:
BAILANDO CON PANXEA
Cinco sentidos en Lorient
As pólas dos carballos de Terra de Montes ocultan tesouros incribles, dende os momentos gardados nas pálpebras das follas ás notas gardadas no interior de cada tronco soñando ser punteiro. Oído, vista, olfacto, tacto e gusto. Cada sentido alberga parte desta experiencia intercéltica.
Os sons das cornamusas de cada unha das culturas participantes e as súas particulares percusións enchían a vila de Lorient da mañá á noite. O respecto do público e a súa enorme entrega facían que cada momento musical pagase a pena e que comprendésemos na Bretaña, máis que en calquera outro lugar, que só do silencio pode nacer o son. Será necesario ouvir no exterior para decatarnos de que se escoita dende o interior?
Coas meniñas dos nosos ollos, como murmuraba Rosendo Mato nas estrofas de Lela, vimos paisaxes análogas á nosa terra. A Bretaña desafiaba as leis de Panxea amosando que é, sen dubidalo, unha península que noutro tempo foi Galicia ou Irlanda.
Por medio dunha listaxe de cheiros e sabores podemos reconstruír a viaxe nos nosos soños. O bus infinito que nos levou a Lorient, os queixos do comedor universitario adaptado ó festival, as lonas brancas do Estadio de Fútbol que acollía as Noites Máxicas, os postos de crèpes polas rúas, o mar arredor da illa de Port-Louis ou do castelo de Saint Michael, o coiro tenso da percusión, a escuma dos maletíns das gaitas, a residencia…
As sensacións enteiras son parella de baile obrigada dun corpo, que vivencia un entorno de forma completa e íntegra. Cada contacto forma parte dunha nebulosa de maxia só presente nesa coordenada espazo-temporal. Recreamos así o espírito de Avelino Cachafeiro en cada Muiñeira de Chantada interpretada, fomos, na nosa humilde medida, cada un dos músicos da terra de Forcarei, de Soutelo e arredores; reinventamos os concertos de “despois da misa” en Estadios de Fútbol e as alboradas nunha Gran Parade. Lembraremos o tacto de cada unha das cousas que alá sentimos co especial agarimo co que coidamos os nosos instrumentos.
Non se saborean igual os lumes de artificio nun instante no que ti es o protagonista que nunha verbena dos Dolores, non se saborea igual a música conseguida mediante horas de insípida técnica que aquela conseguida dende a intuición e a diversión dunha foliada. As veces ensina máis a indisciplina da diversión de verte na Carpa de Galicia cun tambor entre as mans e milleiros de estranxeiros mirando, que as escalas feitas co agoniante metrónomo enxordecedor. As veces no momento de volver, nese segundo infernal no que non colle todo na maleta -cando é o mesmo que si collía na casa-, non nos decatamos que a causa pola que non pecha, son as cousas que levas contigo, os aprendizaxes non escritos desa escola que se chama vida.
Fomos música cada día e cada hora. A Memoria da noite, Farruquiña chamando á porta dos soños, os acelerandos na Muiñeira do Areal, os preludios do rapaz máis festeiro, os nenos pequenos e os nenos maiores, as trenzas e a gomina, a purpurina insolente, a familia do folclore e o orgullo de sermos galegos en terras da Bretaña. Unha terra pigmentada polos nosos sons, polos nosos berros, auténticos e con sabor a Terra de Montes, resoando como en calquera carballeira de Forcarei. Sentímonos preto estando lonxe, bailando con Panxea a Muiñeira de Chantada.
Pasados uns anos dende o remate dos estudos superiores, comeza unha nova etapa de acceso ó mundo laboral no que outros proxectos paralelos foron emerxendo. É por isto que é oportuno facer unha pequena actualización das nos vidas persoais pero sobre todo das artísticas, para os sempre atentos compañeiros de Codeseda Viva e Codeseda.com que con tanto agarimo e sensibilidade nos trataron dende o seu anonimato.
Andrea nada máis rematar os seus estudos no Conservatorio Superior de Vigo, comeza a traballar como profesora de Guitarra no C.E.M. e Conservatorio de Grao Profesional do Colexio Peleteiro e tres anos despois acada a praza de Mestra de Música na Consellería de Educación. Mentres tanto colabora coa Banda de Gaitas de Forcarei como guitarrista e gaiteira e cos Adeline´s Garden como baixista. Ao mesmo tempo que algúns proxectos van rematandoxorden outros e é cando aparece a ABDL –A BANDA DA LOBA-, que é o grupo que actualmente acapara a súa faceta musical, como compositora, letrista, guitarrista e baixista.
Neste tempo tamén publica novos libros, froito dalgúns premios literarios como o do Concello de Beariz, ou o premio López Ardeiro do Concello de Negreira, grazas ao cal ve a luz o poemario “Caleidoscopio”.
Pola súa banda Lara, unha vez rematados os seus estudos en Ferrol de Enxeñería de Deseño Industrial comeza a traballar en Vilagarcía nunha fábrica de “packaging”. Neste campo do deseñoacada dous recoñecementos outorgados por Arousa Norte sobre unas propostas de embalaxe para conserva. A nivel individual ten varios traballos de deseño gráfico e identidades corporativas, algúns na nosa comarca, como poden ser: O Panadeiro de Codeseda, Repostería Leira Doce, Thebes Moda, A Monxa do Penedo…
Nesta etapa universitaria recibe dous premios literarios na USC dentro da convocatoria da Facultade de Filoloxía. Colabora con Producciones Trípode no documental sobre A Grela, fai artigos para outros medios, da clase de pandeireta en Codeseda…
A terceira moza da Casadeabaixo, Marcela, nos últimos anos de idade escolar acada numerosos recoñecementos literarios: volve a estar presente nos sonados Premios Minerva, no Xela Arias da Guarda, nos dos Concellos de Cambre, Ames, Outes… facendo medrar así o seu currículum literario a unha idade temperá.
Accede aos estudos Superiores de Música en Oviedo na especialidade de Percusión, compaxinando esta formación co Grao universitario de Logopedia na Universidades de Oviedo.
Durante este anos forma parte activa da Banda de Música Municipal da Estrada e da Banda de Gaitas de Forcarei, aínda que colabora esporadicamente con numerosas agrupacións, no eido da música clásica, popular e tradicional galega.
Dentro destes grupos atopamos Adeline´s Garden no que, como percusionista, participa en concertos por toda Galicia. Xa en Asturias é contratada pola Banda Ciudad de Oviedo para participar en numerosos concertos durante estas tres últimas tempadas, tendo lugar a meirande parte dos programas no Auditorio Príncipe Felipe da capital asturiana.
Este 2018 o seu poemario “Lunación” serviu de fío condutor para celebrar o Día da Muller en Oviedo, xunto coa música do compositor Gabriel Ordás, sendo esta obra representada o propio día no Auditorio do CONSMUPA.
Xunto coa súa irmán maior, forma parte da ABDL como percusionista e batería, grupo co que acaban de rematar a xira do seu primeiro traballo musical que leva por nome“BAILANDO AS RÚAS”. Xustamente coa canción que da título ó CD acaban de recibir o premio “Ari(t)mar á mellor canción en galego”, xunto aos veciños eurovisivos, os irmáns Sobral, que o reciben pola mellor canción en portugués.
Podedes seguir Á Banda da Loba en:
https://www.facebook.com/abandadaloba/