As igrexas católicas antigas érguense cun eixo que vai de Levante a Poñente. Á ábsida orientada a Oriente (Este), mentres a porta principal ou pórtico mira cara a Occidente (Oeste). Moitos destes templos católicos rematan con espadanas ou torres campanarios.
Igrexa parroquial
O templo parroquial de Codeseda reconstruíuse por derradeira vez no ano 1900, con dúas grandes torres, causando un efecto de aparencia de grandiosidade. Entre o pórtico e as torres atópase o campanario con catro campás.
A campá grande que se atopa pendurada baixo a torre que dá ao Austral (Sur), ten a inscrición: JHS María y José ano de 1911 /Melchor Ocampo me hizo en Arcos de la Condesa.
As dúas campás de mediano tamaño que se atopan acubilladas baixo a torre Boreal (Norte), dinos; IHS María y José ano de 1864 / Palacio y Liste en Orazo, e a outra, JHS María y José ano de 1902 / Estas se hicieron siendo cura párroco D. Agustín Salgado Bouzas / Melchor Ocampo me hizo en Arcos de la Condesa.
No centro do campanario érguese unha torre de fundición, onde pendura unha gran campana do reloxo. Dinos a súa inscrición; JHS María y José Ano de 1932 / Esta campana fue donada por don Juan Rodríguez Bergueiro y Señora. O sinete (marca de fábrica) pon: Fabricada por Ocampo en Arcos da Condesa.
Apuntar que a inscrición IHS é o anagrama de Xesús en grego. O anagrama de Xesús, que deberon escribir «IHΣ», corresponde á abreviatura de IHΣUΣ, e escríbese usualmente como IHS. Outra variante JHS procedería do latín, aínda que a segunda letra é o “Eta” ou “E” longa grega. Ao parecer, foi introducido como devoción por San Bernardino de Siena. O seu significado é polivalente: para uns é o inicio do nome de Xesús en grego, para outros son as siglas latinas de IESVS HOMO SALVATOR (XESÚS SALVADOR DO HOME).
Santuario Nosa Señora De Guadalupe
Nesta parroquia atópase o famoso santuario en honra da Virxe de Guadalupe, no lugar da Grela. Este templo está orientado ó revés das construcións católicas antigas, velaí que o presbiterio está mirando a Poñente (Oeste), mentres o pórtico esta orientado ó Levante (este). Ten unha soa torre, baixo ela está o campanario con tres campás, a máis grande que mira a Oriente (Este), fundida no ano 1849 por Antonio Blanco Paz en Arcos da Condesa, a mediana que está mirando cara o Boreal (Norte), é do ano 1808 fundida por Juan Manuel de la Vega en Orazo.
A campá máis pequena é a que mira a Poñente (Oeste), fundida polos Ocampo en Arcos da Condesa no ano 1902.
Sobre a campá do ano 1849 temos un apunte no Libro de Fábrica do Santuario da Virxe de Guadalupe. Nas contas do ano 1850 infórmanos dos gastos que conleva a instalación da campá, dinos o vicario; O campaneiro don Antonio Blanco pola campá maior do santuario 1.638 reais, o ferreiro Francisco Morgade pola fundición do badalo e composición das ferraxes do cepo 50 reais. A persoa que foi buscar e levar unha cabalería para subir a campá 20 reais, polo ferro para a composición do badalo 24 reais e 28 maravedies, o carpinteiro que asentou todas as ferraxes no cepo da campá 6 reais.
Capela de San Blas (anteriormente de San Antón de Padua)
Esta ermida situada no lugar de Monteagudo, está orientada coas normas antigas da igrexa católica, Cabeceira a Levante e Porta a Poñente. Sobre a porta e rematando o tellado, érguese unha pequena espadana na que pendura unha pequena campá, fundida polos Ocampo en Arcos de la Condesa, Caldas de Reis, no ano 1944.
Capela de San Roque (desaparecida)
(Hoxe desaparecida) No lugar das Quintas, quedan os restos dos muros da capela desaparecida de San Roque, formando parte da extinguida arquitectura relixiosa. A campá está na casa dunha veciña do lugar. Foi fundida por Juan Liste en Orazo, A Estrada, no ano 1890.
Como ollamos, as campás foron elaboradas polos mestres fundidores artesáns de Orazo na Estrada, Juan Manuel de la Vega e polos Liste da mesma parroquia pero en distinta época. As que non foron fundidas en Orazo foron fundidas moi preto, concretamente en Arcos da Condesa, Caldas de Reis, polos mestres fundidores artesáns como Antonio Blanco Paz, Melchor Ocampo Baliñas ou Juan Ocampo Barreiro, este asinaba co seu nome ou ben coa marca xenérica de “Fabrica por Ocampo en Arcos da Condesa”.
Artigo de Luís Ferro Pego e Xosé Troiano Carril