(Codeseda 1861 – Razo, Carballo 1924)
Benigno Cortés García viu a luz no lugar de Quintas, onde recibiu as augas bautismais o día 23 de agosto de 1861. Era fillo de Modesto Cortés Castro e de Generosa García Vaamonde, ambos propietarios, e neto por liña paterna de Jacobo Cortés Núñez e de Rosa de Castro Balboa, e pola materna, de Andrés García e Margarita Vaamonde.
Tiña dous tíos cregos, Albino Jacobo Cortés Castro (1832-1907) cura de Cerdedo, e Manuel Cortés Castro (1822-¿?), cura de Tenorio (Cotobade).
En 1889 sendo aínda estudante no Seminario Central de Santiago fixo unha acuarela da catedral de Zamora, que presentada na Escola de Artes e Oficios foi moi loada. Dita obra artística ía ser regalada ao deputado Montero Ríos.
Foi ordenado de tonsura en 1887, de epístola en 1889, de evanxeo e misa en 1890. A partir dese momento estivo uns anos vivindo en Codeseda na casa de seus pais, atendendo á capela de San Roque das Quintas. Cítase como testemuña (“Benigno Cortés García presbítero de esta capilla….”) no certificado de matrimonio que tivo lugar o 24 de xuño de 1893 nesta capela de San Roque entre o avogado Benjamín Lois Lois (deputado en 1921) e Anunciación García Tato, filla de Juan García Fernández, que foi alcalde da Estrada ata en cinco ocasións.
En outubro de 1894 foi nomeado coadxutor in capite de san Xoán de Campo e Leobalde (Tordoia. A Coruña). Dous anos despois, en 1896, foi cando recibiu o grao de Licenciado de Teoloxía, presentando a tese: “Infabilitate in fide et moribus gaudet Ecclesia Cristi”.
En 1897 é nomeado párroco de Vilariño e de Présaras, onde en 1901 descubre vestixios dunha cidade romana no lugar da Cidadela (Sobrado dos Monxes). Entre os restos había perpiaños de granito ben traballados, lápidas funerarias con inscricións como esta: Vitalis possuit post vitam; tamén ladrillos longos e tellas planas en abundancia, cadrados que parecen claustros, rúas rectas e estreitas, etc, etc. É de notar que o granito máis próximo áchase a dúas ou tres leguas.
Máis tarde atopou un fragmento de vía romana, ben conservada, que pasaba por xunto a cidadela e outra a media legua de distancia. Tamén deu conta das ruínas dunha domus, unha casa romana, na que aínda se conservaban restos dun fauces (tramo de corredor que vai da porta ata o atrio) e no centro un impluvium, así como un pozo de auga.
En agosto de 1901 é proposto polo arcebispo ante a abadesa e comunidade de san Paio de Antealtares para párroco de Razo (Carballo), sendo nomeado en outubro dese ano. Alí estaría ata o fin dos seus días.
En 1912 achou ao pé dun castro de Bergantiños un machado de ferro, unha empuñadura e unha espada de bronce, e outros obxectos que envía á Real Academia Galega – á que pertencía como correspondente- para o seu estudio.
En decembro de 1912 tamén achou unha ara romana servindo de pía de auga bendita na capela de san Roque na aldea de Torres de Nogueira (Seavia), dous capiteis do s. VII-VIII na parroquia de Lemaio, e un mármore do país de algo máis dun metro de longo na casa reitoral de Noicela, que ofrece un relevo do paraíso terreal e a rebelión dos animais contra o home, ao parecer do s. XII.
En 1912 recolle nunha aldea esta poesía:
Disme que che falta a cruz
Para poñer no rosario:
Cásate, ben dos meus ollos,
E terás cruz e calvario.
Nunca fun de romería
Este ano hei de ir a unha,
Hei de ir a Santa Mariña
Como ela non hai ningunha.
-Dame do teu pan, casada,
Do que das a teu marido.
-O meu marido vai fora
E leva as chaves consigo.
Silva verde, se me prendes,
Mira como me aseguras,
Que xa me teño librado
De outras cadeas máis duras.
Silva verde non me prendas
Que esta non é miña terra;
Nunca silva me prendeu
Que non me librase dela.
Eu amar heite de amar
Mui amoriñosamente
Pero casárme contigo…
Non o quer a nosa xente.
En palabras de canteiros,
Rapazas, non vos fiedes;
Collen os picos e marchan
E dempois… mirades para eles.
C’unha copa de augardente,
Con un sorbo de auga fría,
E co’o abrazo dunha nena
Calquer home pasa o día.
Este canariño novo
¡quen o soubera cantar!
As nenas da miña terra
Sabeno repinicar.
Eu ben vin estar o cuco
Na cima de un ameneiro
C’unha subela no pico
Deprendendo a zapateiro.
Si queres que a auga corra,
Tiralle unha ligoñada;
Si queres que o amor veña,
Mándalle carta fechada.
A zanfona é do cego
As alforxas do criado,
As rapaciñas de agora
Son muy levadas do Diabro.
O dia que me casei
Todo o día choveu neve,
Tamén poido chover viño,
Miña muller ben o bebe.
Cantan os galos en Franza,
En América as galiñas;
Aló nos quintos infernos
Cantan as malas veciñas.
En 1915 recolle en Codeseda poesías populares como estas:
Cando fun de Codeseda
Gordo como un ceboliño;
Cando vin de Sabucedo
Non coñecía o camiño.
Cando fun de Codeseda
Funche ben gordo por certo,
Veño do lugar da Mámoa
Co ‘o cerrizo descuberto.
Nosa señora da Grela
Ten un vestido de seda,
Que llo dou para o día oito
San Jurjo de Codeseda.
San Jurjo de Codeseda
Ten unha faixa marela,
Que lla dou para os días santos
Nosa Señora da Grela.
Codeseda é boa terra
Boa terra é Codeseda,
Se a de Codeseda é boa
Aínda máis lle gana a Grela.
Eu fun á feira do Fojo
Tamén che vin pola Estrada,
Descansei en Codeseda
E durmín en Ribadavia.
A parroquia de Tabeirós
É bonita e regalada,
Logo vin para Codeseda
Non se me acordou nada.
As rapazas de Rigoi
Corren moito pra Parada,
Pro por eso van dicindo:
De Codeseda a pescada.
Os mociños de Castrelo
E máis os de Montillón,
Van a Codeseda ao xastre
Remendar o pantalón.
As rapazas de Jobrey
Todas juntas no sobrado
Pedíronlle a san Antón
Que as casase de contado.
Andan as cabras na horta
Os cabirtos no repolo
Esas rapazas de Campos
Teñenche son para todo.
Hei de facer unha fonte
Toda de pau de uliveira
Para que pasen as mozas
De Currelos para a feira.
Aunque chosques e rechosques
Por debaixo do sombreiro,
Aunque chosques e rechosques
Eiqui non plantas salgueiro.
Ao pasar o regueiriño
Díxenche que si, que si:
Agora que ja o pasei
Catro cornos para ti.
Tua nai por me casar
Prometeume bois e vacas,
Agora que me casei
Dame unha cunca das papas.
Unha vella dixo a outra
Pol-o cucucho da porta:
Se o crego che pide lume
Dalle unha figa retorta.
O crego foi ao muiño
Meteu a cabeza drento,
E levou fariña nela
Para facer un formento.
Se algún día me repites
O favor que me fixeches,
Volve os bicos que che din
E leva os que ti me deches.
Da outra banda do río
Ouvín cantar un piollo,
Vou coller a carabina
Para lle quitar un ollo.
Agora que ven o vran
Non poño pano de seda
Que se che van os canteiros;
Quédame un ramo de pena.
Catro con cinco son nove;
Son palabras en latín;
Desque ves junto de outras
¿Qué ves buscar onda min?
Heime de casar este ano
Anque sea c’un ben pobre
Que todo o mundo fai risa
Da muller que non ten home.
Costureiriña bonita
Di que non come o touciño:
Inda come o porco enteiro
Desde o rabo hasta o fuciño.
Para a banda de alá do río
Ten meu pai un castiñeiro
Que da peras e mazás
Uvas no mes de Jeneiro.
Agora que ven o cuco
Tamén a vir a bubela,
Deixame durmir un sono
Na sua cama de pedra.
Costureiriña bonita
Tes as pernas esfoladas,
De subir pol-as paredes
E baixas polas ventanas.
Onde hay carozos, hay fume
Onde hay fume, lume hay.
Onde hay paseos de noite
Forza de cariño hay.
Non quero amor pequeñiño,
A miña hame de valer,
Que me parece na casa
A basoira de barrer.
En 1914 descobre nos libros parroquias de Razo que en 1576 a visita pastoral á parroquia está asinada por un Cristóbal Colón. Pono de manifesto por se se pode inquirir se este personaxe ten algo que ver co famoso descubridor de América.
Publicou algúns dos seus traballos sobre arqueoloxía e historia no Boletín da Real Academia Galega:
– Carta de ingenuidad otorgada por la monja Doña Teresa á favor de sus libertos de… Boletín 36, 1910.
– Cantares populares de Galicia. Boletín 53, 1911-12
– Cantares populares de Galicia. Boletín 57, 1911-12
– Un cipo romano encontrado en Seavia. Boletín 66, 1912
– Dos Capiteles del siglo VII ú VIII, probablemente, Boletín 68, 1913
Benigno tiña dúas sobriñas, Generosa Regina (1896-1958) e María Generosa (1897- 1994), fillas do seu irmán Manuel e de Elvira Otero Barreiro. Ao morrer de accidente Manuel, Regina foi adoptada por Francisco Otero García, tío de Elvira, é Manuela García Vaamonde.
Benigno Cortés García finou aos 63 anos en Razo o 14 de decembro de 1924.
Artigo de Luís Ferro e J.M- Bértolo