Resumen de la Evaluación del Impacto Arqueológico de la Red de Caminos de la Concentración Parcelaria.
(Texto en gallego)
Estudio da zona
As terras que constitúen a parroquia de San Xurxo de Codeseda, A Estrada, Pontevedra, foron densamente poboadas dende épocas moi antigas. Testemuñas desta ocupación temperá son os numerosos xacementos arqueolóxicos localizados entre os que destacan varios túmulos, ademais de castros e evidencias de poboamento medieval, como mosteiros e calzadas.
Por outra parte, tamén é importante sinalar a considerable cantidade de exemplos tanto de patrimonio etnográfico como histórico-artístico: igrexas e capelas, pazos e casonas, xunto cun nutrido conxunto de hórreos ou muíños proporciona unha idea do interese patrimonial desta área de estudio.
Estudio xeográfico da zona
San Xurxo de Codeseda (A Estrada, Pontevedra) está situada ao sur do núcleo urbano do concello de Estrada e trátase da parroquia de maior extensión do municipio. A zona a concentrar forma grandes masas forestais interrompidas polas zonas de prados e labradíos adxacentes aos núcleos de poboación e linda ao norte coas parroquias de Ribela e Parada, pertencentes ao concello de A Estrada; ao sur, con zonas pertencentes á propia parroquia de Codeseda; ao leste, coa parroquia de Liripio, tamén do térmo municipal de A Estrada e ao oeste linda coa parroquia de Souto, tamén de A Estrada.
Está atravesada na súa parte noroeste polo río Umia que crea un fértil e aberto, val de montaña que abarca a grande parte das terras pertencentes á parroquia. A rede fluvial, articulada loxicamente ao redor do Umia, presenta unha grande cantidade de pequenos cauces e regatos, sobre todo na zona sur da parroquia, o que da lugar a unha paisaxe con numerosos prados e pastos mesturados con grandes áreas dedicadas á silvicultura, especialmente ao monte de repoboación. Na zona norte da parroquia, que coincide coa de maior altitude, non hai unha presencia tan abundante de regos e regatos, excepto nas aldeas de A Grela e Bugalleira onde é posible atopar números e caudalosos regatos.
A súa situación xeográfica e as características topográficas son os factores que modelan o clima da parroquia, con abundantes precipitacións e temperaturas frescas, xa que a influencia marítima está bastante atenuada pola súa situación no interior de Galicia.
Descripción arqueolóxica da área
Na zona afectada pola rede de camiños da parroquia de San Xurxo de Codeseda existen un total de 19 xacementos catalogados, tal e como puidemos comprobar tanto ao traverso das fichas existentes no inventario dos Servizos de Arqueoloxía da Xunta de Galicia como da documentación obtida no Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de A Estrada.
Como sucede no resto do concello os xacementos tumulares destacan pola súa presenza, especialmente nas zonas máis altas da parroquia, cunha especial concentración no sector leste, que se corresponde cunha zona de alturas medias que crean unha pequena dorsal que percorre este sector da parroquia dende norte a sur.
Lixeiramente illado da zona de maior concentración tumular e ao noroeste da zona de concentración parcelaria sitúase o Túmulo de Monte Arnado (GA36017015). Este túmulo de grandes dimensións presentaba unha espoliación lixeiramente orientada ao leste que, segundo a ficha do inventario, pode estar indicando a presencia dun posible corredor de acceso.
Ao leste de Marcenlos sitúanse os túmulos de Meisueiro (GA36017014 e GA36017076). Segundo a ficha existente en Patrimonio, estes dous túmulos están moi próximos entre si, son de pequenas dimensións, duns 12 metros de diámetro e 0,50 de altura máxima e, na súa superficie presentan pedras soltas que se poden corresponder cunha coiraza. Debido ás condicións de vexetación que presenta a zona na que se sitúan os xacementos resultou imposible localizalos durante os nosos traballos de prospección, o mesmo que sucedeu na catalogación de 2002 realizada por Pablo Vázquez.
Ao sur destes xacementos sitúase a necrópole de Monte Outeiro, composta por 4 túmulos e unha referencia emprazados ao longo da vía de tránsito de dirección norte-sur que atravesa a dorsal de Monte de Outeiro. O primeiro destes túmulos, o de Monte do Outeiro 1 (GA36017078) presenta unhas dimensións considerables e unha forma tumular moi ben definida. Aprécianse pola súa superficie pedras de granito de dimensións medias pertencentes con toda probabilidade a unha estructura lítica tipo coiraza.
Ao sur atopamos o túmulo de Monte do Outeiro 2 (GA36017079), moi alterado, de pequenas dimensións e cunha forma tumular pouco definida debido ao aproveitamento forestal que ocasionou un rebaixe considerable da súa masa tumular, ata o punto de que a súa distinción con respecto ao entorno inmediato resulta dificultosa, dificultade acentuada pola densa vexetación que cubre a súa superficie.
A escasos metros ao sur sitúase o túmulo de Monte do Outeiro 3 (GA36017080) que presenta unha forma tumular ben definida e grandes dimensións, a pesar das condicións de vexetación que amosa a súa área de emprazamento. A apertura dun camiño forestal deixou á vista parte do perfil do elemento no que se apreciaban pedras de granito que semellan corresponderse con parte da estructura lítica de cubrición ou coiraza.
De similares características é o seguinte túmulo da necrópole, o de Monte do Outeiro 4 (GA36017081), de dimensións medias e forma tumular ben definida a pesar das condicións de vexetación existentes na zona, que dificultan considerablemente a súa inspección.
Ao norte a necrópole existe unha forma tumular bastante rebaixada e desdebuxada, da que resulta dificultoso determinar si se trata dunha morfoloxía de natureza arqueolóxica ou dunha simple elevación natural. Inventariada como Túmulo do Monte Outeiro (GA36017R07), presenta, diseminados por toda a súa superficie, bastantes fragmentos de pedra que poden tratarse tanto de evidencias dunha coiraza como de restos de actividades extractivas.
Tamén na zona da necrópole existe un posible abrigo inventariado como Abrigo de Monte Outeiro (GA36017R09). Este posible elemento arqueolóxico consiste en dúas penas de granito apoiadas unha na outra, entre as que se conforma un abrigo natural de pequenas dimensións susceptible de ser aproveitado nalgún momento como lugar de asentamento. Para a súa inclusión no catalogo do concello de A Estrada tívose en conta a proximidade dos túmulos 2 e 3 de Monte Outeiro e a boa orientación de que dispón a súa entrada, contraria aos ventos dominantes.
Na mesma dorsal, ao sur da necrópole de Monte Outeiro atopamos o Túmulo de A Cruz da Grela (GA36017082), que presenta unhas dimensións medias e unha forma tumular ben definida, pese a mesta vexetación que cubre o túmulo e o seu contorno.
Situados entre o túmulo de A Cruz da Grela e a necrópole de Monte Outeiro, sitúase a Cruz daGrela (GA36017R08). Esta cruz está realizada, nunha soa peza, sobre un bloque granítico insitu. Pese a tratarse dun elemento adscribible á época moderna está incluído no catálogo arqueolóxico do concello da Estrada debido ao seu emprazamento, na mesma unidade fisiográfica que o grupo tumular de Monte Outeiro, e a súa proximidade ao túmulo de A Grela, así como a súa función sinalizadora, xa que está colocada no cruce de dúas vías tradicionais, unha de dirección norte-sur, camiño Marcenlos-A Portela, e outra leste-oeste, camiño Codeseda- A Grela, polo que está funcionando como indicador da importancia que ten esta zona dende o punto de vista do tránsito, aparentemente dende épocas prehistóricas.
Ao sueste da zona de concentración está o túmulo de Pedra Sobrado (GA36017085). Este xacemento de medianas dimensións está bastante desdebuxado debido ao aproveitamento forestal, especialmente na súa metade norte, polo que unicamente resulta perceptible dun xeito claro observado dende o sur.
A uns 500 metros ao suroeste atopamos un pequeno grupo de túmulos formado polos Túmulos de Tras da Veiga (GA36017016 e GA36017083). Ambos presentan unhas formas tumulares moi ben definidas e boas proporcións aínda que na súa superficie non se observan restos estructurais a excepción do amplo burato de espoliación localizado, en ambos túmulos, no sector central e practicamente colmatados.
Máis cara ao oeste, na zona de A Grela, e localizado nunha zona de prado, atópase o Túmulo de Chan de Bó (GA36017084). Debido aos traballos de construcción do prado o túmulo presenta un aspecto moi desdebuxado e pese as súas dimensións, uns 18 metros de ancho máximo, a súa altura non supera os 0,70 metros.
Na zona da parroquia existen diversas evidencias da época castrexa como o Castro de Entrecastrelo (GA36017038) que pese a ser coñecido tamén como Castro de Ribela, ou Castro de Parada na catalogación do concello de A Estrada aparece situado na parroquia de Codeseda. Este castro, de grandes proporcións, presenta unha posición dominante sobre un bo tramo do val do río Umia.
Está conformado por tres recintos escalonados que estarían defendidos polas súas respectivas murallas, a excepción do recinto superior que contaría cunha defensa natural de afloramentos graníticos. No sector norte, o máis accesible, foi disposto un foxo duns 3 metros de profundidade cunha orientación leste-oeste. A súa entrada estaría no sector leste. Gravados nos afloramentos que bordean o recinto superior localízanse un bo número de cazoletas e, en menor medida, cruciformes, dos que na actualidade resulta dificultosa a súa localización por mor das condicións de vexetación imperantes.
Ao sueste do castro anterior sitúase a referencia de Castro de Marcenlos (GA36017R29). Este suposto castro aparece citado na bibliografía aínda que non foi posible localizalo no campo. Deste xeito Bouza Brei sinala a presenza dun xacemento castrexo situado ao sur do río Umia, do que non ofrece ningún tipo de descripción, aparte de indicar que conta con defensas naturais xeradas polo forte desnivel da montaña e que presentaba un difícil acceso. Na actualidade, e tendo en conta as condicións de vexetación presentes na hipotética área de emprazamento do elemento, resulta imposible acceder ao mesmo.
Ocupando unha posición case central dentro da área afectada polas futuras obras para a construcción da Rede de Camiños da Z.C.P. de Codeseda atopamos o Castro das Quintas ou das Cercas (GA36017018). Trátase dun castro formado por un único recinto que presenta unhas boas proporcións e unha planta lixeiramente ovalada. As súas dimensións son de 100 metros no eixe norte-sur e de 120 no eixe leste-oeste. Está circundado por unha muralla que, cara ao exterior, acada unha altura de 6-7 metros e, no interior do recinto presenta uns 3 metros de altura.
O sistema defensivo estaría completado por un foxo que circundaría, probablemente, a totalidade do recinto, aínda que na actualidade unicamente resulta perceptible no sector leste e sur. Posúe un amplo folclore relativo aos «mouros». Ao norte do recinto confórmase unha extensa superficie aterrazada coñecida como «Castro de Arriba». No castro localizouse unha pedra decorada, con forma rectangular de 40 x 32 x 5 cm, e mostra unha serie de círculos concéntricos en torno a unha cazoleta central con pequenos trazos verticais de surcos moi finos e pouco profundos.
Descripción etnográfica e histórico-artística da zona
Ao sueste do castro As Cercas (GA36017018) existe un camiño empedrado que pasa sobre unha antiga ponte coñecida como Ponte do Castelo (GA36017077). Esta antiga ponte de pedra presenta pequenas dimensións e alombada, dun só van e con arco de medio punto.
O elemento, en función da súa morfoloxía e contexto, resulta moi difícil de datar xa que se pode encadrar nun amplo intervalo temporal que abarcaría dende época baixo-imperial ata o século XVIII. A calzada que pasa sobre a ponte é tamén de pedra e forma parte do camiño vello, que aínda conserva boa parte do seu empedrado, que comunicaba o lugar das Quintas co xacemento castrexo. Este camiño bifurcábase ao norte da pontella e proseguía tamén con dirección a San Xurxo de Codeseda.
No lugar de Codeseda consérvase a Igrexa parroquial (GA36017086), único resto visible do antigo mosteiro feminino que existía no lugar. Este mosteiro foi fundado, segundo a documentación existente, con anterioridade ao ano 1164.
A igrexa dunha soa nave reedificada en época moderna, conserva completa a cabeceira románica, na que destaca unha fermosa ábsida pentagonal, unida á nave mediante un corpo rectangular limitado polo arco triunfal e outro arco secundario situado ao comezo da ábsida. Dende o exterior a ábsida está dividida en cinco tramos por catro semicolumnas de capiteis vexetais adosados aos ángulos. Cada tramo ten unha ventá con arquivolta tórica semicircular de fino axadrezado, apoiada sobre dúas pequenas columnas. Os pequenos tímpanos destes vanos están esculpidos e traballados con rosetas, cruces e outros curiosos relevos. No exterior da igrexa consérvase unha interesante colección de canzorros románicos.
Estes restos da antiga decoración románica permiten supoñer que o templo orixinal era unha espléndida edificación pertencente á segunda metade do século XII. Estaríamos ante un mosteiro dunha certa entidade polo que sería lóxico pensar que no contorno inmediato á igrexa poidan existir vestixios dos edificios do convento. Do mesmo xeito pódese supoñer a existencia dunha necrópole de época medieval, tanto no interior como no exterior do actual edificio.
Nas proximidades da igrexa parroquial consérvanse dous cruceiros, o primeiro deles está situado a carón da igrexa. Este cruceiro presenta unha talla de San Xurxo na parte alta do fuste, de sección cuadrangular. No capitel ten unha moldura sobre a que se asenta a cruz, a columna asenta nun pedestal cuadrangular que á súa vez se asenta sobre un único chanzo. O segundo destes elementos localízase a uns 130 metros ao norte da igrexa, na Carballeira da Feira, xunto a un palco de música tradicional de planta pentagonal. Este cruceiro de granito foi levantado a finais do século XVIII. A cruz leva no anverso a Cristo crucificado e no reverso a imaxe de Nosa Señora das Angustias. No fuste da columna aparecen as tallas de dous monxes mártires, un con hábito franciscano e, o situado máis abaixo, de hábito benedictino. A columna aséntase nun pedestal cuadrangular que á súa vez se sitúa sobre tres chanzos.
Ademais da igrexa parroquial, na parroquia de Codeseda existen outras dúas capelas de interese histórico-artístico, a de A Guadalupe e a de San Brais.
A Capela da Nosa Señora de Guadalupe está situada no lugar de A Grela e presenta grandes dimensións e planta de cruz latina, con ábsida rectangular e brazos a distinta altura do corpo central. Os muros son de cachotería e sillería de granito. Mostra cuberta de tella a dúas augas. A fachada está formada por un primeiro corpo rematado en pináculos e un campanario de tres corpos. Cadrado o primeiro, hexagonal o segundo, ambos con arcos peraltados, rematando o conxunto nunha cúpula hexagonal. A fachadaé alintelada e sobre ela sitúase unha fornela coa imaxe da Virxe e, sobre esta, unha ventá rectangular. A capela está rodeada dunha carballeira na que se localiza un palco de música, con planta poligonal, realizado en mampostería de granito. Esta capela érguese sobre unha plataforma duns tres metros de altura no sector leste, que permite salvar o desnivel existente no lugar no que se localiza. Este plinto está realizado con sillares de granito. O acceso á capela dende a aldea é unha escalinata situada no sector nordeste da plataforma. A carón desta escalinata de granito levántase un cruceiro que conserva o fuste de granito e está coroado por unha cruz latina feita en cemento.
No lugar de Monteagudo atópase a Capela de San Brais, unha edificación de pequenas dimensións, con planta rectangular e muros de sillería de granito de gran porte. Na fachada presenta unha moldura con arco de medio punto sobre a porta. A fachada está rematada por unha espadana que presenta un único vano.
Diante da entrada da capela levántase un cruceiro de granito; na cruz mostra as efixies de Cristo crucificado e a Virxe das Dores. O capitel é liso e o fuste, de sección cuadrangular, ten representado a San Brais. A columna aséntase sobre un pedestal cuadrangular que á súa vez se asenta en tres chanzos. Tanto a igrexa como o cruceiro están rodeados dunha mesta carballeira.
Completando, xunto á capela e o cruceiro, o conxunto histórico-artístico de Monteagudo consérvase a escasos metros destes elementos unha antiga casa señorial dos Ballesteros e a Fonte de San Brais. A casa señorial coñecida como «Casa de Ballesteros» localízase ao sueste da capela, destacando da mesma o gran portalón con arco de medio punto e sobre a cornixa dúas amenas e unha cruz latina. Toda a casa está rodeada dun muro de sillares de granito. Nunha das esquinas ten un miradoiro semicircular ao que se accede por una escaleira. A casa ten planta rectangular, con un gran escudo na fachada lateral.
A Fonte de San Brais localízase ao norte do peche da casa, xa na ladeira do outeiro e ao lado das casas do lugar de Monteagudo. Trátase dunha fonte realizada en cantería de granito de moi boa factura. O fronte está realizado en dúas pezas de granito e na inferior aparece tallado un semicírculo que enmarca o cano, e na superior o remate triangular coa imaxe de San Brais e unha placa de mármore co nome da fonte e a data de construcción. A fonte verte a auga nunha pía de granito e dende esta distribúese a dous pilóns, un situada á dereita e outro, con lavadoiro, situado á esquerda, ambos realizadas en granito.
Na parroquia de Codeseda existen varias fontes, case todas elas presentan ou lavadoiro ou pilón. No propio núcleo de Codeseda, A Sagrada, localízase a Fonte da Feira situada nas proximidades da carballeira do mesmo nome, e a Fonte de A Sagrada, de pía cadrada, cun pilar central no que se sitúan dous canos, ambos en uso. Sobre este pilar central destaca unha farola, unha das primeiras que formaron parte do alumeado público da parroquia.
A grande parte dos conxuntos etnográficos existentes na parroquia presentan, dentro das propias aldeas, fontes realizadas, principalmente, en cantería. Xunto a estes elementos destacan pola súa abundancia os hórreos, maioritariamente de tipo mixto e planta rectangular con cubrición a dúas augas de tella plana. Nos cumios dos penais presentan adornos, tipo pináculo ou cruz. Estas construccións aséntanse sobre pés ou cepas de pedra sendo variable o número de apoios en función da lonxitude do elemento.
Nalgúns casos os tornarratos son circulares, colocados sobre pes tronco-piramidais, noutros o tornarratos preséntanse como unha moldura corrida ao redor da planta do elemento. Nunha boa parte dos casos os hórreos presentan pechados os ocos entre os apoios, a modo de celeiro. Unha parte das casa destas aldeas son construccións tradicionais de moi boa factura, realizadas en coidada cantería.
Outro elemento de interese patrimonial existente nos núcleos da parroquia son os cruceiros, aínda que resultan menos habituais que o resto de elementos mencionados.
Deste xeito o conxunto etnográfico de Barro formado por cinco hórreos, un cruceiro, un lavadoiro e unha fonte, resulta representativo como núcleo rural típico da parroquia. Os hórreos aparecen distribuídos dentro do interior das parcelas das casas do lugar. Catro dos hórreos comparten unha mesma tipoloxía, son hórreos mixtos de planta rectangular con cubrición a dúas augas con tella plana. Nos cumios dos penais presentan adornos, pináculo e cruz e están situados sobre pés ou cepas de pedra. Polo que respecta ao hórreo 1, situado ao noroeste da aldea, está realizado integramente en cemento. Nas proximidades deste existe unha mina de auga e un pilón de ladrillo e cemento.
Un cruceiro sitúase no centro da aldea, do que só se conserva o fuste, de sección hexagonal. A fonte sitúase na parte alta da aldea e está formada por un depósito de lousas de granito de planta rectangular, con dous canos de metal que verten a auga nunha pía rectangular de granito, que presenta unha moldura no lado pegado ao depósito. Sobre o lado esquerdo da pía aséntase unha lousa de granito traballado a modo de lavadoiro.
Algo similar ocorre co conxunto etnográfico de Outeiro formado tamén por cinco hórreos, distribuídos dentro da aldea, unha fonte e un cruceiro. Os hórreos son de tipo mixto, idénticos aos descritos anteriormente. O cruceiro sitúase no cruce de dous camiños pegado ao muro de peche dunha finca. Está realizado en granito, cunha cruz simple e un capitel moldeado, e o fuste, de sección cuadrangular, asenta nun pedestal cuadrangular. A fonte localízase na parte baixa da aldea. Neste caso o entorno da fonte foi acondicionado mediante pequenos muretes de mampostería de granito e unha escalinata que salva o desnivel no que se localiza a fonte. A fonte é de sillería de granito, ben traballado e forma un deposito rematado por un frontón semicircular con moldura. O cano é de metal e verte a auga directamente a unha canle de granito que discorre polo medio do empedrado do chan. Á dereita é a esquerda da fonte localízanse dous pilóns, un deles con lavadoiro.
O conxunto etnográfico de A Ponte está formado por un cruceiro e dous hórreos. O cruceiro está realizado en granito, é de pequenas proporcións e aséntase sobre unha basa cadrada. O fuste é de sección lixeiramente octogonal, e sobre este sitúase un capitel coroado por unha cruz latina. Os
hórreos son tipo mixto e entran dentro da tipoloxía da zona.
O conxunto etnográfico de Filgueiras, está formado por un hórreo tipo mixto e un lavadoiro. O lavadoiro localízase no centro da aldea e aliméntase dun manancial situado ao suroeste, a través dunha canle de pequenas lousas de granito. Trátase dun pilón de lousas de granito, de planta rectangular que se anexa á parede dunha casa, e a pedra de lavar sitúase no lado leste.
O conxunto etnográfico de Fragoso componse de cinco hórreos e unha fonte. Catro dos hórreos son de tipo mixto e o último é de pedra, asentado sobre pes troncopiramidais culminados por tornarratos circulares. A fonte está adosada a unha casa de pedra de coidada factura. A fonte presenta unha estructura de granito rematada por un pequeno frontón triangular; verte a auga a través dun caño metálico sobre unha pía de granito. Nos laterais, leste e oeste da fonte, sitúanse un lavadoiro e un pilón, realizados en granito.
Os conxuntos etnográficos de Xubrei e Quintas destacan pola presenza de varias casas tradicionais construídas cunha cantería moi coidada. Os hórreos de ambos conxuntos localízanse dentro dos peches das hortas das casas, e todos presentan a tipoloxía típica da zona. A fonte de Xubrei que leva o nome de A Caprichosa, sitúase no medio da aldea e está formada por tres sillares de granito ben traballado nos laterais. O cumio da fonte é un frontón triangular. Na pedra está gravado o nome da fonte e a data de construcción, 1950. Aos lados da fonte aparecen adosados un pilón e un lavadoiro. Tamén nesta aldea iníciase un camiño de a pé empedrado que une o núcleo coa actual estrada.
No caso do conxunto de As Quintas a fonte con lavadoiro, coñecida como A Dichosa, localízase no centro da aldea. A fonte presenta na parte superior do frontón, realizado en sillería de granito, unha placa en mármore co nome e a data de construcción, 1935. A auga sobrante da fonte vai a parar a un pilón, con lavadoiro nun dos lados, que está cuberto por unha estructura a dúas augas que se apoia en catro gráciles columnas de ferro fundido.
Existen tamén algúns hórreos illados como o Hórreo de A Sagrada de tipoloxía mixta. A porta, neste caso, localízase no lado maior, orientado cara o leste, e para facilitar o acceso presenta unha plataforma de catro pasos de escaleira exenta.
O Hórreo de Xandras, tamén de tipo mixto, é de planta rectangular, cubrición a dúas augas de tella plana e o corpo asentando sobre pés de pedra, cun tornarratos corrido arredor da planta do elemento.
Ou o Hórreo de Currelos, idéntico ao anterior aínda que cos pés tapiados con sillares de granito. Pero o habitual son os conxuntos formados por varios hórreos, de tipo mixto, distribuídos no interior das aldeas e situados dentro dos muros das fincas das casas, como sucede co Conxunto de Marcenlos, formado por catro hórreos distribuídos dentro das parcela das casas deste lugar. Todos comparten unha mesma tipoloxía. Ao igual que os Hórreos de Fontenlo, conxunto de oito hórreos de tipoloxía mixta.
Os Hórreos de A Grela, un conxunto formado por trece hórreos. Os cinco Hórreos de Campos. Os catro Hórreos de A Bugalleira. O conxunto de tres Hórreos de O Coto. Ou, por último, os Hórreos de Insuela, formado por catro hórreos de idéntica tipoloxía e características similares a de todos os elementos referenciados.
A riqueza etnográfica da parroquia complétase coa existencia de numerosos muíños fariñeiros, serradoiros, pontes e pontellas asociados aos abondosos cursos de auga que surcan o territorio de Codeseda. A presenza do caudaloso río Umia propicia a presenza de numerosos muíños ao longo do seu cauce, existindo incluso unha fábrica de luz no lugar de Caldeirón, que no ano 1927 suministraba electricidade a diversos lugares da parroquia.
Próximos ao lugar de Campos atopamos a Ponte, muíño e serradoiro de García. A ponte, de pedra, presenta tres apoios, ou pilares, realizados en mampostería de granito, con tallamares triangulares no lado leste. O piso da ponte está construído con grandes lousas, tamén de granito, que na actualidade están tapadas baixo unha capa de asfalto. Os laterais da ponte están delimitados por un peitoril de sillares rectangulares duns 50 centímetros de altura. O serradoiro localízase a carón da ponte e trátase dunha contrucción de planta rectangular de mampostería de granito que albergaba o mecanismo hidráulico de serrado. O muíño sitúase ao nordés deste último edificio e mostra menor entidade que o serradoiro. De planta cadrada e cubrición a unha vertente, a mesta vexetación que impide a entrada á zona imposibilita realizar unha descripción máis detallada das edificacións.
No rego de Castelo consérvanse os tres Muíños de Fragoso. Dous deles están situados na marxe esquerda do rego, e un terceiro, o número 2, localízase na marxe dereita. Todos presentan a mesma morfoloxía constructiva, planta rectangular con muros de mampostería de granito e cubrición a unha vertente con tella plana. A mesta vexetación que cubre o entorno no que se localizan imposibilita unha descripción pormenorizada das estructuras.
En Insuela, no rego do Barranco de Insuela, consérvase un conxunto formado por catro muíños hidráulicos de canle e dúas pontellas. Debido á mesta vexetación que cubre o barranco só foi posible acceder ao muíño 1. Neste caso trátase dun muíño de planta cuadrangular, con muros de mampostería de granito, e cubrición a unha vertente. A canle de alimentación accede ao muíño polo lado leste, e o inferno está no lado oposto. Presenta unha porta na fachada norte. A pontella pola que se accede a este muíño está realizada con grandes lousas de granito que atravesan o cauce do regato. Tamén foi posible identificar baixo unha mesta mata de silvas a pontella que facilitaba o acceso ao muíño 4, que ocupa a posición máis septentrional dentro do conxunto.