Relojes de sol antiguos en Codeseda (A Estrada – Pontevedra – Galicia)
Facendo un percorrido pola nosa pedanía de Codeseda, pateando os lugares que a conforman, ollando hórreos, casas, murallas, áchanse sete reloxos de sol labrados en pedra, dos denominados reloxos de sol verticais a excepción dun que se coñece como ortomeridiano.
Os reloxos de sol de Codeseda atopámolos labrados en pedra e poden ser de forma cadrada, romboide ou cúbica. Levan unha variña ou un triángulo de chapa, que se coñece co nome de gnomon. Este produce unha sombra sobre os números que rodean o reloxo, o que permite unha lectura da hora.
Para poder facer unha lectura correcta dun reloxo de sol, poñémonos fronte a el, e na parte baixa do mesmo avistamos as 12 h, a nosa esquerda quedan as horas da mañá que empezan nas 6 h e rematan nas 12 h., e a nosa dereita seguen as horas da tarde, partindo das 12 continúa a 1, logo as 2 e así ata finalizar nas 6.
Pero ao falar das horas temos que determinar diversos usos do que entendemos por hora:
Hora legal, é a hora que corresponde segundo o meridiano de Greenwich á Península Ibérica, UTC+0.
Hora oficial, é aquela hora que marcan os nosos reloxos (reloxo de pulso, peto, móbil, etc.).
No inverno unha hora por diante da UTC+0 e no verán dúas horas.
Hora solar, é a real, pois cando o sol se atopa no máis alto son as 12 h. do mediodía.
Comecemos, pois, a nosa andaina polo lugar de Fontenlo, onde preto da fonte e lavadoiro do lugar hai un hórreo no que se atopa labrado sobre un pináculo un reloxo de sol vertical de forma cuadrangular, chafranado nos laterais, con estilete de chapa triangular e timbrado de coroa. Propiedade dos herdeiros de Florián Iglesias.
A poucos metros deste atópase outro reloxo solar, de nova fábrica, que se ergue sobre unha columna do portal da entrada da casa das irmás Manuela e Maruja Castro. A súa forma é cadrada, con números romanos e cun gnomon feito cunha peza metálica triangular. Remata o conxunto unha bola.
Pasamos agora ao lugar da Devesa, na gran Casa da Carballeira, na cara que mira ao sur. Sobre unha peaña érguese un fermoso reloxo de sol, de forma cuadrangular rematado en capela e gnomon triangular metálico. Propiedade de Encarnación Penelas Valladares.
No lugar de Marcenlos, avistamos un hórreo en ruínas ao que lle falta uns dos dous remates, que se atopa guindado no chan posiblemente debido a un temporal e que na súa caída rompeu unha esquina da pedra tornarratos. Trátase dun reloxo moi desgastado, que tamén perdeu o gnomon que tiña en forma de estilete. Chama a atención a súa forma labrada sobre un rombo. Propiedade da familia Garrido Paseiro.
Preto deste hórreo, atópase a casa de Graña e no seu xardín e na base dun pináculo pódese ver un bo labrado reloxo, cuadrado, rematado en semicírculo, ao que tamén lle falta o gnomon. Propiedade de José Manuel Graña Garrido.
Collemos camiño cara ao derradeiro lugar, Quintas, no que atopamos dous reloxos de sol. Entrando no lugar na primeira casa, coñecida co nome de casa de Castro e sobre o cumio un cuadrante de forma cuadrangular e rematado en semicírculo, e cun gnomon triangular de chapa. Propiedade de Manuel Silva Romar.
Preto deste levántase nun hórreo que data do ano de 1889 unha magnífica obra de arte, tallada nun bloque de granito de forma cúbica, rematado por unha cruz e sobre esta un paxaro (bubela). Trátase dun reloxo solar de forma cúbica con tres caras, denominado ortomeridiano. O frontal, orientado ao Sur, é cuadrangular, escotado na parte superior e con gnomon de chapa triangular, e os dous meridianos nos laterais orientados ao Este e Oeste, teñen un gnomon de chapa en forma de rectángulo, perpendicular á parede e que mantén unha inclinación. Propiedade da Igrexa Evanxélica.
Texto e fotos de Luís Ferro Pego. Codeseda, verán de 2013.