Susi, a primeira muller «aloitadora» de Codeseda
Susi Tafalla López, coñecida por todos por Susi, é veciña de Codeseda e unha das impulsoras para que retornasen as feiras a esta parroquia. Fundadora da Asociación Loureiro Verde, pertence á Asociación de Mulleres Rurais, onde participa no ensino de palillos e teares, entre outras actividades.
No ano 1990 comeza a súa andadura no mundo da música, formando parte da agrupación folclórica Xuarco de Codeseda. E cando se crea o grupo Liño do Cuco, é unha das integrantes. Toca a gaita, o instrumento de máis sensibilidade, nunha agrupación do folclore galaico, e a súa brillantez no desenrolo e interpretación de muiñeiras, xotas, pasodobres, etc., fan que esta moza fose solicitada para realizar colaboracións con outros grupos, mesmo chegou a participar na gravación dun disco.
Pero se traemos a SUSI a esta páxina de Personaxes de Codeseda, é por ser a primeira muller “aloitadora” na Rapa das Bestas de Sabucedo. Susi Tafalla, excelente amazona e amante dos animais, cría os seus propios cabalos.
Esta “aloitadora”, comeza tomando contacto no mundo da loita cos cabalos alá polo ano 1992. Conta Susi, que a levaron á Rapa das Bestas de Sabucedo que por aquela época se celebraba a carón da igrexa no curro vello. Alí permitíronlle realizar a tradición de separar os poldros do resto da grea, para que estes non sufran os golpes que lles poderían ocasionar os seus conxéneres. Ese día perdurará no recordo de Susi como algo indeleble. Ano tras ano acudirá o primeiro fin de semana do mes de xullo á parroquia de Sabucedo para participar na rapa das bestas, na separación dos poldros, sendo animada a intervir arroupada polos “aloitadores” no agarre e inmobilidade dalgunha egua.
En xullo do ano 1999 SUSI TAFALLA salta aos medios ao ser portada do periódico La Voz de Galicia. Na fotografía aparece a amazona cabalgando sobre os lombos dunha egua branca, rodeada de toda a grea, no centro do curro da famosa Rapa das Bestas de Sabucedo. (Festa declarada de interese turístico internacional) Ese día os espectadores en número duns mil trescentos, que estreaban curro novo no campo do medio, aplauden postos en pé á primeira muller “aloitadora” da Rapa das Bestas de Sabucedo. Tras publicarse esta estampa da “aloitadora” reclinada sobre o lombo do animal, foi de tal repercusión esta fotografía pola súa beleza artística, publicada no xornal de La Voz de Galicia que unha produtora de Barcelona lle fixo á intrépida “aloitadora” unha oferta de traballo.
A partir dese momento é entrevistada, por varias cadeas entre elas, Antena 3 Televisión, no programa Impactos. No canal Disney Chanel, así como por Nacional Geografic sae acompañando aos seus reporteiros polos montes para gravar a baixada de cabalos cara Sabucedo e participa como invitada no programa Acompáñanos da Televisión de Galicia, cun contido sobre a rapa das bestas.
Esta moza chea de inquietudes, participa como extra na película “Un mundo de historias”, serie da Televisión de Galicia, que ten varias escenas rodadas en Codeseda. Así mesmo participou noutros programas da televisión galega.
Texto elaborado por Luís Manuel Ferro Pego