O lugar de Barro contou no pasado cun manancial (ou varios) ao que diferentes fontes históricas atribuíron propiedades medicinais. As súas augas aparecen descritas como sulfurosas ou sulfhídricas frías.
Pedro Varela (1923)
«El manantial de Codeseda surge en términos del lugar de Barro; se halla casi totalmente obstruido por haberse acumulado sobre él tierras y escombros; apenas es conocido en la localidad, y se dice que antiguamente lo fué mucho.»
Pedro Varela Castro, La Estrada (1923)
El Emigrado (1926)
O xornal El Emigrado, do 7 de agosto de 1926, publicou información sobre diferentes augas mineromedicinais existentes no concello da Estrada. Nesa relación aparece expresamente Codeseda, lugar de Barro, coas súas «augas sulforosas frías». A publicación relacionaba o seu uso con determinadas afeccións, citando entre elas a atonía, as gastralxias e as dispepsias, problemas principalmente relacionados co aparello dixestivo.
Instituto Geológico y Minero de España (1956)
Estas augas tamén aparecen recollidas na documentación histórica sobre augas minerais do Instituto Geológico y Minero de España (IGME), onde son clasificadas como augas sulfhídricas frías.
«Las aguas de Codeseda son sulfhídricas frías, con la particularidad de que desde mediados de otoño hasta mediados de primavera se cubre el manantial por las aguas del arroyuelo cercano al punto de emergencia. Concurren 30 agüistas al año.»

As augas sulfhídricas caracterízanse pola presenza de compostos de xofre, responsables en moitos casos do seu característico cheiro. Este tipo de mananciais foi tradicionalmente utilizado con fins terapéuticos en numerosos lugares de Galicia.
Historias contadas polos veciños
Algúns veciños contátonnos que as augas brotaban na eira dunha casa e os propietarios estaban cansados de que descoñecidos entrasen na súa propiedade a coller agua.
Según parece os donos da casa intentaron tapalas en varias ocasións, pero lográrono cando chegaron os «primeiros tractores». Pepe do Codesal, un destes tractoristas, recordaba a historia, pero segundo nos contou o episodio de tapalas xa ocorrera antes de el chegar a Codeseda.
Onde estaba exactamente o manancial?
Non está claro se as augas aparecían nun so punto ou se o facían en varios lugares, pero esta última posibilidade parece a máis probable, tal e como sucede noutros moitos lugares con este tipo de afloramentos. O regato de Barro queda moi cercano ás vivendas e é probable que as augas manasen tanto á beira do regueiro como na eira dalgunhas das vivendas próximas.
Eran quentes?
Algúns relatos de veciños apuntan a esta posibilidade, pero na documentación coñecida non parece ningunha referencia a isto. Outras teorías establecen unha relación coas fracturas/fallas asociadas ó sistema de Cuntis-Caldas (que sí son quentes), pero na cartografía do IGME tampouco se atopa unha relación clara.