É a única parroquia do rural estradense que mantén a súa feira tradicional grazas á iniciativa de Carmen Gaspar hai 13 anos

A feira. Ese punto de encontro e momento de socialización que forma parte intrínseca da cultura popular galega. Os postos de roupa, aparellos de labranza, comida e noutrora, mesmo de gando, seguidos dun xantar no pulpeiro con cuncas de viño e a sobremesa do café con gotas. Todo iso segue sendo hoxe en día un reclamo para a vida social das vilas, como demostra o feito de que en A Estrada, por exemplo, os días de máis xentío no pobo son os mércores e os sábados, cadrando cos mercados semanais.
Na actualidade, esta clase de feiras só se dan nas urbes, xa que os núcleos rurais foron perdendo poboación e pouco a pouco deixaron de interesar como puntos de actividade social e económica. Porén, en A Estrada aínda queda unha parroquia que mantén o seu mercado. Codeseda retomou fai trece anos a súa “Feira dos cans”, que segundo indicios bibliográficos podería remontarse ao século XVIII, aínda que as referencias máis claras da existencia deste mercado están nas actas municipais do 12 de outubro de 1860, segundo inclúe Manuela Picallo no artigo O apoxeo da Feira dos cans.
Despois de décadas sen celebrarse, no 2007 a asociación Loureiro Verde tentou recuperala, pero non foi ata hai trece anos que a través da iniciativa da hostaleira Carmen Gaspar se retomou o evento de xeito estable. Dende entón ata agora, cada ano celébranse catro mercados en A Sagrada –o centro neurálxico deste núcleo rural– un por cada estación.
O número de postos que se achegan ata a pequena localidade varían dependendo da data e das condición meteorolóxicas, segundo achega Gaspar, pero normalmente vai de cinco a seis. “Os que mellor funcionan son so de primaveira e verán, especialmente este último, que é cando máis peregrinos hai e xérase máis movemento” comparte a rexente de A Taberna da Geira, que engade: “No pasado vendíase moito gando, especialmente cans, de aí o nome, pero agora iso xa non se pode facer e maioritariamente temos postos de roupa, de sementes e de aperos de labranza”.
A intención inicial de Carmen Gaspar era darlle vida á aldea:
“Aquí se non é por isto e o camiño, non hai nada”.
Pero agora busca levar a feira un paso máis alá e atraer novos postos. Primeiro realizarase un pequeno experimento do que se espera chegue a ser o mercadillo local, que terá lugar o 15 de xuño dentro do programa da primeira Ruta Cabalar. “Púxenme en cotacto con máis feirantes e esperamos xuntar a máis de vinte, ademais do pulpeiro Porta, que pon sempre” declara a empresaria, que anima a todo o mundo a desfrutar desta xornada, xa que “vai ser un espectáculo, espérase moita afluencia”.

Artigo publicado por Nerea Couceiro no Faro de Vigo