A Asociación Cultural O Brado da Estrada ven de fallar a vixésimo sétima edición dos Premios San Martiño de Normalización, que cada ano recoñecen a aquelas persoas ou entidades que traballan a prol da lingua galega.Os premios contemplan tres categorías: unha na que se premia ás persoas ou entidades destacadas no municipio e o seu entorno, outra que abrangue a defensa da lingua en toda Galicia e unha terceira que distingue o traballo a toda unha vida de compromiso co idioma.
Na modalidade A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes a premiado nesta ocasión é a Asociación Codeseda Viva, un colectivo da parroquia homónima especialmente activo en cuestións culturais. Na categoría Galicia Enteira a agraciada é a xurista Carme Pérez Vaqueiro. Por último, o premio a Toda unha vida de defensa do idioma é para o escritor Mario Franco Rodríguez. A entrega de premios será o mércores 15 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal. O xurado encargado de fallar os premios desta nova edición estivo integrado por Lourdes Dono, Mónica Arca, Juan Constenla, Iván Sanmartín, Luis Ferro, Carlos Andújar e Kike Vázquez.
Codeseda Viva comeza a súa andadura no ano 2000, cunha páxina web denominada Codeseda.com. Dedícase a recoller fotos antigas, documentos ou datos históricos. Legalízase como Asociación Codeseda Viva no 2011. Promove a Ruta de Senderismo PRG-197, que se atopa na derradeira fase de homologación. O colectivo céntrase na actualidade en documentar o Camiño Xacobeo da Geira e dos Arrieiros, que partindo de Braga-Portugal, remata en Santiago. Traballa tamén na recollida de microtoponimia local para preservar este legado lingüístico.
Un autor de libros de aventura escritos sempre en galego Mario Franco naceu en Santiago no 1934. Comezou a escribir no 2004, xa xubilado, e publicou a sús primeira novela, «Terranova-Memorias dun mariñeiro», baseada nas súas vivencias con tripulante dun buque bacallaeiro. Acadou dous anos seguidos -no 2007 e no 2008- o premio do Certame Avilés de Taramancos de Relatos de Aventura con «A derradeira campaña do Capitán Samuel» e «A capela maldita». É o único autor que ten conseguido o galardón dous anos consecutivos. O galego é o idioma que emprega en todos os seus escritos.Loita por prestixiar a lingua onde había indiferenzaCarme Pérez é unha muller única no movemento da normalización lingüística. É xurista e leva máis de 25 anos facendo unha transcendental labor na promoción e fomento da cultura galega. Con persoas como ela foron xurdindo colectivos que contribuíron con esta causa, entre eles a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística creada en 1982. Grazas a eles a mensaxe da normalización lingüística ten vida propia fóra das fórmulas tradicionais da cultura galega, prestixiando a lingua galega onde había indiferenza.
Noticia da Voz de Galicia