Xa non fai falta viaxar á Serra dos Ancares para coñecer de preto a palloza, a vivenda tradicional da montaña lucense e leonesa que, segundo os expertos, remóntase á época prerromana. Desde este verán, A Estrada contará cunha construción deste tipo, levantada en pleno século XXI peros respectando os materiais e as técnicas construtivas tradicionais.

A palloza estase edificando no lugar de Currelos, parroquia de Codeseda, nun claro situado na zona inicial dunha fermosa carballeira. É un capricho persoal dun veciño da Estrada namorado dos bosques dos Ancares, da natureza e da tradición.
«Gústame moito ir polo Piornedo. Teño ido varias veces aos Ancares e as pallozas sempre me gustaron. Cando andaba por alí pensaba: ‘Se un día podo, fago unha’», explica o promotor da iniciativa.
Ese momento chegou ao fin. «Se non a fago agora, xa non a fago nunca», conta o propietario satisfeito.
Segundo explica, non foi doado conseguir os permisos para levantar a construción. O propietario tivo que resolver varios trámites burocráticos relacionados coa concentración parcelaria para poder obter finalmente a licenza municipal. A vivenda levántase na aldea de Currelos, nunha carballeira que o dono herdou da súa nai. O chan está catalogado como terreo rústico forestal. Por esta razón, a palloza non podería ser utilizada como vivenda aínda que se quixese. Pero a intención non é esa. A pretensión do seu propietario é ter un refuxio en plena natureza para gozar da aldea e do aire libre. O dono, que vive na Estrada nun piso, ten previsto saciar a súa sede de liberdade na súa palloza de Codeseda.
Polo momento construíronse os muros exteriores, que debuxan un círculo e marcan xa a diferenza coas outras construcións da parroquia. Este mes ou o próximo a palloza completarase coa construción do tellado, que será cónico e de palla, como as pallozas dos Ancares. O propietario contratou a unha empresa especializada do Piornedo para acometer os traballos.
Esta palloza de carácter privado terá uns 25 metros cadrados hábiles e custará uns 35.000 euros. O propietario está disposto a abrila no futuro a visitas didácticas para dar a coñecer a vivenda tradicional da montaña lucense.