A traída municipal de auga que abastece A Sagrada, Fontenlo e outras zonas baixas da parroquia de Codeseda rexistrou nos últimos días picos de consumo anormalmente elevados. O Concello da Estrada impulsou unha inspección para tratar de detectar a casusa. O persoal municipal xa emprendeu a realización de comprobacións e valoracións sobre o terreo para tratar de aclarar o sucedido.
Aínda que as primeiras revisións xa deron algúns froitos, o edil responsable de Servizos Municipais, Óscar Durán, advertiu este martes que se realizará unha revisión exhaustiva desta rede de abastecemento, solicitando ao ORAL unha listaxe de acometidas para revisar cales están dadas de alta no padrón fiscal.
A decisión chega despois de que nos últimos días se comprobase a existencia de consumos asociados a inmobles que non figuran dados de alta neste servizo, así como conexións fraudulentas á rede da traída, sen pasar polo correspondente contador.
A esta inspección inicial chegouse despois de que se detectou un incremento do consumo de auga na parroquia de Codeseda de 16.000 litros diarios. «Queremos esclarecer lestes consumos e asegurar, en favor de todos vos usuarios desta rede, que se pague por toda a auga que se consome», apuntou Durán.
O concelleiro destacou que os consumos dos últimos días nesta traída rural estaban por encima dos 40.000 litros diarios, unha cantidade anormalmente alta para estas datas. Incidiu na importancia de que esta investigación que agora se emprende axude a aclarar a realidade actual deste servizo, en termos de listaxe de contedores e acometidas dadas de alta.
Óscar Durán puxo o acento na necesidade de anticiparse aos problemas que o verán afai deparar para esta rede de abastecemento, asegurando que a situación cambiou moito grazas ás intervencións realizadas nos último anos. En todo caso, o edil incidiu na súa intención de conseguir que esta traída municipal compórtese como o fixo o ano pasado, tentando recortar os consumos excesivos co arranque do verán para que nos momentos máis secos desta estación estea garantido a subministración aos fogares.
Coa chegada do estío, o Concello da Estrada adoita extremar a vixilancia nos depósitos de Codeseda, atendendo aos problemas que historicamente acompañaron a esta traída durante os meses máis secos do ano. Desta forma, os niveis contrólanse de maneira diaria para asegurar que nunca existan incidencias que cheguen a apreciarse nos fogares. O habitual é que os consumos se movan entre os 18 e os 24 metros cúbicos por xornada, por iso é polo que estes días saltasen as alarmas.
Para tentar solucionar os problemas de abastecemento, o Concello da Estrada fixo unha primeira intervención consistente na colocación dun depósito de 40.000 litros para reforzar a instalación preexistente. A maiores, fíxose unha perforación para incrementar o caudal da captación de auga que entra nos depósitos.
Aínda así, o consumo racional de auga e o seu control a través dos contadores incorporados ao padrón do servizo constitúen as garantías de partida para a boa marcha deste abastecemento público.