A Asociación Codeseda Viva entregou este sábado 29 de abril os Premios Abadesa Mariana 2024, galardóns que nesta quinta edición foron para a xornalista estradense Silvia Pampín Otero; o escritor de Beariz José Balboa Rodríguez; e a asociación Peregrinos Dezae de Lalín.
A xornada arrincou ás 12.45 horas cunha visita á nova casa-albergue de peregrinos en Beariz. Ás 14.30 celebrouse unha comida de amigos e peregrinos, con sobremesa de debate “O Camiño polo centro da Estrada”. A entrega de premios estivo presentada por Pablo Chichas e José Manuel Almeida, presidente dá Xunta Freguesias de Caldelas, Sequeiros e Paranhos do concello de Amares (Portugal) falou sobre «A Geira» e sobre o albergue público de Santiago de Caldelas, aberto fai uns catro anos para darlle acollida aos peregrinos do Camiño da Geira e dos Arrieiros.
Fotos cortesía de Puri Areán
Silvia Pampín
Silvia Pampín Otero está fondamente vencellada á comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Igual que o Camiño Xacobeo da Geira e dos Arrieiros que a cruza en dirección a Santiago de Compostela e o xornal Faro de Vigo para o que traballou durante dúas décadas. Nada o 21 de abril de 1976 na fronteira con Francia, en Irún (Guipúscoa) por mor da emigración, Silvia Pampín ten raíces no rural da Estrada (en Golfariz de Pardemarín) e de Forcarei (en Trasdomonte, moi preto da zona pola que o Camiño da Geira procedente da Ourense se adentra en Soutelo de Montes).
Cursou os seus estudos de Educación Xeral Básica no colexio estradense do Foxo. Alí comezaría a destacar polas súas boas notas, o seu amor pola lectura e as súas dotes para a escrita. Textos de poesía e prosa escritos por ela foron seleccionados sendo aínda moi nova para ser publicados na revista escolar e para representar ao seu centro e tamén á Estrada nun concurso provincial de redacción convocado pola antiga Caixa de Aforros de Vigo. A súa mestra Balbina Fernández sempre soubo que acabaría sendo xornalista pola súa capacidade para expresar de xeito eficaz mediante a escrita o esencial dun asunto pero tamén pola súa curiosidade intelectual, que -xunto co espírito crítico, a ética e a precisión necesarios para todo xornalista- Silvia afirma ter aprendido da propia Balbina e doutras mestras moi admiradas por ela que a marcaron fondamente como Nazaret Fernández e Maruchi Rolón Varela.
Foron anos nos que a nosa galardoada destacaría polo seu amor aos libros. Era unha lectora tan voraz que a súa nai non tivo máis remedio que facela socia da Biblioteca Municipal da Estrada para saciar a súa fame de coñecemento. Tanto lía que a bibliotecaria Mercedes Garrido decidiu concederlle o Premio á Lectura na categoría de Bachiller no ano 1992. Para entón, xa era alumna do instituto Manuel García Barros, onde cursaría BUP e COU. Tivo a fortuna de coincidir con profesores tamén moi admirados por ela como Carlos Loureiro e Fuco Barreiro, aos que a nosa protagonista lle atribúe boa parte da súa competencia expresiva na nosa lingua. Nesta etapa estudiantil obtería Silvia excelentes calificacións académicas e distincións como o Premio ao Traballo na asignatura de Plástica e, sobre todo, a Matrícula de Honra en COU coa que pecharía os seus estudos na vila.
Aínda que os seus profesores lle recomendaban estudar Xornalismo polas aptitudes que lle vían para iso e por superar amplamente a esixente nota de corte da Universidade para dita carreira, a Silvia púidolle o seu amor polas letras e elixiría estudar Filoloxía Hispánica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi alumna da primeira promoción dos plans novos. Sacaría a carreira en 4 anos, sempre con beca e xalonando con matrículas de honra o seu magnífico expediente académico.
Foi iso o que lle abriría as portas para adentrarse no Xornalismo, logo de licenciarse en Hispánicas en xuño de 1998, casar en agosto dese mesmo ano co amor da súa vida -o estradense José Manuel Tarrío Barcia- e cursar ao ano seguinte o Curso de Adaptación Pedagóxica (CAP) tamén na USC.
Cando Editorial La Capital puxo en marcha o Diario de Arousa, confiaría en Silvia Pampín para ser a súa corresponsal en Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Pontecesures. Alí, a nosa protagonista curtiuse como reporteira cubrindo a pé de rúa dende as inundacións que adoitaban asolar a vila termal caldense ata a candente mobilización antiencoro que rodeou a construción do Encoro da Baxe, augas arriba de Caldas. Como non só era redactora senón que tamén exercía de reporteira gráfica, alí perdería o “pánico escénico” e aprendería traballando o oficio de xornalista.
Foi ese labor o que lle abriría as portas do diario decano da prensa nacional, Faro de Vigo. Cando en 2002 este xornal tivo unha vacante na súa Delegación de Deza-Tabeirós-Montes na súa sede da Estrada, Silvia foi seleccionada para ocupar ese posto por Juan Carlos Da Silva, actual director xeral do grupo Prensa Ibérica en Galicia pero que entón era subdirector do diario que posteriormente chegaría a dirixir durante 16 anos.
No Faro de Vigo da nosa vila traballaría Silvia durante as dúas décadas que todos a recordamos ao pé da noticia en A Estrada, Forcarei e Cerdedo. Foron anos de intenso traballo nos que se forxaría a relación de irmandade que hoxe a une a unha das súas mellores amigas, Sonia González, que entón daba cobertura como fotógrafa á actualidade local. Ademais, Silvia tamén vería recompensado o seu labor coa confianza e o agarimo dos lectores e da sociedade local, que exemplifica o Premio da Asociación Cultural Regatos que recibiu no VII Festival Folk… de Raíz alá polo ano 2006 por un “traballo ben feito”, pola súa “sensibilidade” e polo “apoio importantísimo” que o colectivo entendía que sempre lle dera ao certame.
Para entón, Silvia -animada polo seu home, Jose- xa tomara conciencia de que a prensa era verdadeiramente o seu e xa lle restaba horas ao sono para simultanear o seu traballo cos estudos de Xornalismo que cursou -de novo na USC- ata conseguir titularse na súa modalidade de Audiovisual en xuño de 2008.
Foi entón cando Silvia e Jose decidiron ampliar a familia. En 2009 nacería o amor das súas vidas, a súa filla María Victoria Tarrío Pampín. Facendo equilibrios imposibles para conciliar traballo e maternidade -e grazas ao imprescindible apoio de súa nai Inés Otero, de súa sogra Maruja Barcia e mesmo, nos primeiros anos, da Escola Infantil Municipal da Estrada que dirixe Rosa Montero- Silvia seguiría a exercer o seu labor de xornalista en Faro de Vigo da Estrada. Ata que os problemas de perda de vista motivada pola opresión do quiasma óptico causada por un craneofarinxioma benigno -do que a operaron con brillantez os neurocirurxiáns do Clínico aos que Silvia sabe que lles debe a vida, Alfredo Allut e Ramón Serramito- lle obrigaron a deixar de exercer a súa adorada profesión de xornalista, quedando desvencellada do Faro do Vigo en outubro de 2022.
Pechaba así unha etapa de máis de dúas décadas adicadas á información local na que seguiu moi de preto e informou -a meirande parte das veces en primicia- dos avances na investigación e no recoñecemento do Camiño Xacobeo polo centro da Estrada, labor polo que é distinguida co Premio Abadesa Mariana, co que Codeseda Viva lle agradece a súa contribución á difusión do Camiño da Geira e dos Arrieiros
José Balboa
Nado no concello de Beariz Ourense, en 1936. E un escritor que ten publicado media ducia de libros. Político e filósofo así como insigne Cabaleiro da Orde de Santiago.
Seguindo a tradición familiar e sendo moi novo, adícase a construción de obras civís, a que lle ten adicado mais de 50 anos da súa vida. Este traballo levouno a vivir ata en seis países de América, Europa e mesmo África. Pasou a retirado no ano 2001, cando decide voltar a súa aldea natal onde cultiva as súas inquietudes. Formou parte da recuperación do porco celta especie que se atopaba en perigo de extinción. No ámbito político foi elixido concelleiro de Beariz no ano 2008, exercendo o cargo ata as derradeiras eleccións municipais que decidiu retirarse do mundo da política.
No ano 2016, decide retomar a súa paixón pola literatura e comeza a publicar a súas primeiras obras. Desde unha autobiografía, unha historia real, relatos varios, novela romántica. A derradeira e un libro formado por dúas novelas independentes de relatos curtos, caracterizados pola súa variedade narrativa e fácil lectura.
Todo o diñeiro recadado das súas obras foi doado a distintas asociacións para a investigación das enfermidades raras.
Varias das súas obras foron presentadas na Feira Internacional do Libro en Guadalajara-México
Don José Balboa Rodríguez e un fiel seguidor das redes, ten un blog “Relatos del caminante”. Pepe Balboa, e un home comprometido cos camiños xacobeos e en especial co Camiño da Geira e dos Arrieiros polo que leva traballado de arreo, asistindo a varias reunións, charlas e encontros en Portugal. Levando e traendo no seu coche a peregrinos ata poñelos de novo no Camiño.
O ano pasado inicio a rehabilitación de unha pequena vivenda de dous pisos con mais de douscentos anos de antigüidade que se atopaba en ruínas. Xunto a súa muller, abriron as portas desta casa de acollida para que os peregrinos poidan facer un alto no camiño. A capacidade é para seis persoas, esta equipado con instalacións sanitarias, cociña, e equipada das dotacións esenciais das que os peregrinos que contacten con el poderán desfrutar gratuítamente. deste REPOSO DEL CAMINANTE.
Peregrinus Dezae
A asociación PEREGRINUS DEZAE naceu en outubro do ano 2022 pola súa paixón de varios veciños de Lalín polo Camiño de Santiago. A idea xurdiu ó ver a peregrinos chegados a Lalín polos camiños de Inverno e Sanabrés vagar en busca de información sen saber a quen preguntarlle. Todo o seu traballo e totalmente altruísta, sen contar con ningún tipo de axuda das administracións.
O seus fins son:
- Adicarse de maneira voluntaria para e polo peregrino, dando apoio e información.
- Apoiar as actividades, traballos e investigacións histórico-socio-culturais, relacionadas co Camiño de Inverno e co Camiño Mozárabe Sanabrés.
- Potenciar todas as tarefas que teñan como fin resaltar e espallar os vínculos de Lalín, as súas parroquias e comarca de Santiago e os seus camiños, especialmente como xa queda exposto o Camiño de Inverno e o Camiño Mozárabe Sanabrés, en historia, tradicións, arte, literatura, folclore, gastronomía, e calquera outro xeito de manifestación. E conseguir os beneficios propios de esa revitalización para o seu Pobo e Comarca, recuperando o sentido orixinario do camiño. E todo o que actualmente poida abarcar ese ámbito, en infraestruturas e dotacións no apoio o camiñante, no exercicio das súas tradicións e en potenciar a imaxe turística de esta Vía o Camiño e outros…
- Organizar peregrinacións e actividades en relación cos Camiños de Santiago e o seu sentido.
- Colaborar en todo o posible cos iniciativas con fins xacobeos.
- Contribuír a organización de conferencias, simposio, charlas, publicacións e actos culturais.
- Intercambiar experiencias e traballos con outras asociacións, especialmente cos mesmos fins ou similares.
- Desenrolar ante persoal, institucións e entidades públicas ou privadas, os fins establecidos.
- Contribuír no coidado do medioambiente organizando campañas de recollida e limpeza de calquera desperdicio abandonado en ambos itinerarios.
- Abrir en Lalín un albergue de acollida tradicional.
Codeseda Viva quere recoñecer e valorar o gran traballo feito por este colectivo no fomento da cultura xacobea e axuda aos peregrinos; nas rutas que pasan polo seu pobo e tamén aos doutras, como o caso dun peregrino do Camiño Geira Arrieiros que se perdeu, en xaneiro deste ano, durante o seu percorrido e foi traído por eles de maneira altruísta ata A Estrada, para que puidese continuase viaxe.