O Concello da Estrada acaba de solicitar un Obradoiro de Emprego para favorecer a formación e a empregabilidade dun total de 20 persoas. A administración municipal xa formalizou a súa petición ante a Xunta de Galicia, rexistrando un programa orientado ao ámbito forestal e que tería o seu centro de actuación en zonas verdes e espazos públicos municipais das parroquias.
O alcalde, Gonzalo Louzao, explicou que este Obradoiro de Emprego leva o nome da Estrada Emprega Foresta 2026. Dentro del habería dúas modalidades formativas, cada unha con dez alumnos: a liña de aproveitamento forestal e a de actividades auxiliares de conservación e mellora do monte.
O rexedor asumiu que a iniciativa está completamente enfocada a realizar melloras no espazo rural, cun plan de acción centrado nas zonas verdes e franxas de protección de sistemas existentes nas parroquias, como centros de saúde, colexios ou outras dotacións de carácter público.
«A aposta polo rural e a conservación de espazos públicos alíase aos obxectivos de favorecer a formación e ou emprego para concretar a filosofía deste obradoiro», apuntou Louzao, quen resumiu que o proxecto de obra que acompaña a esta iniciativa contempla un total de 24 actuacións, distribuídas entre 19 parroquias.

En Codeseda, na Carballeira da Sagrada, o taller complementaría unha intervención municipal centrada na creación dun vial de servizo para as vivendas da zona. Traballarase tamén na conservación de valos, mellora vexetal, poda de carballos, plantación de novos exemplares, mellora de iluminación, e tamén se contempla a restauración do palco da música.
Na zona do colexio, construirase un peche cinexético para evitar a entrada de animais e un horto sementeiro de especies autóctonas tras retirar especies prohibidas. Preto do centro de saúde, tamén propiedade municipal, retirarán árbores da cuberta e laterais do edificio.
Basado nunha noticia do Faro de Vigo