O Concello da Estrada continúa coa tramitación de novas actuacións de mellora no rural, entre as que destaca un proxecto destinado á parroquia de Codeseda que permitirá acondicionar espazos públicos e optimizar os accesos a varias vivendas do núcleo. A iniciativa forma parte dos investimentos financiados a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e busca reforzar a funcionalidade e seguridade das infraestruturas locais.

As obras previstas inclúen a renovación de pavimentos en distintas zonas de uso común, así como a execución de novos accesos a vivendas mediante pavimentación en formigón coloreado no entorna da Carballeira da Sagrada.
Outro dos aspectos destacados da actuación será a mellora da rede de drenaxe. Para iso instalaranse novos elementos de recollida de augas pluviais que permitirán conducir de forma máis eficiente as escorrentías.
Con esta intervención búscase dar resposta a problemas detectados en varios puntos da zona relacionados coa evacuación das augas e co estado dalgúns accesos, ao tempo que se mellora a integración estética dos espazos públicos. A actuación permitirá incrementar a seguridade tanto para os peóns como para os vehículos e facilitará o acceso ás vivendas beneficiadas polo proxecto.
Os traballos incluirán tamén tarefas previas de acondicionamento do terreo e preparación das superficies sobre as que se actuará. Unha vez completado o proceso de contratación e adxudicación, está previsto que as obras poidan executarse dentro do programa de investimentos municipais previsto para este ano.