A Asociación Veciñal Parroquial As 23 Aldeas de Codeseda organiza o San Xoán, unha cita que combinará gastronomía, convivencia veciñal e a maxia dunha das noites máis emblemáticas do ano.

O evento terá lugar o 23 de xuño ás 22.00 horas nas antigas Escolas Vellas de Codeseda ou, en caso de ser necesario por cuestións de aforo, no Centro de Saúde da parroquia. A organización habilitará ademais servizo de barra desde as 20.00 horas, permitindo aos asistentes gozar do ambiente festivo desde primeira hora da tarde.
A celebración incluirá un completo menú composto por churrasco, sardiñas, mexillóns, sobremesa, café e bebida. O prezo da entrada será de 20 euros, mentres que os nenos e nenas de ata 12 anos poderán asistir de balde.
Ademais da cea popular, a noite estará marcada polo espírito propio do San Xoán, unha das tradicións máis arraigadas en Galicia, vinculada ao encontro veciñal, ás fofgueiras e á celebración da chegada do verán. A organización anima a toda a veciñanza de Codeseda e da comarca a participar nesta xornada.
As persoas interesadas en reservar praza poden contactar cos membros da organización.
San Xoán en Codeseda aspira a converterse nun punto de encontro para toda a parroquia, recuperando tradicións e fortalecendo o sentimento de comunidade nunha das noites máis especiais do ano.