Despois de que veciños de Fontenlo expresasen a través de FARO a súa preocupación pola situación na que quedarán os seus novos predios -ao ter no medio vellos camiños cun gran desnivel respecto do resto da parcela- e non obter resposta á súa petición de acondicionamento, que fixeron á empresa que executa os traballos e á propia Xunta en Pontevedra, o alcalde José López indicou que tentará «ver se se pode facer ou lograr outro proxecto de acondicionamento» deses terreos. «Os recursos son limitados», admitiu, indicando que ás veces os traballos que hai que facer «son tan importantes» que «non son capaces de acondicionalo» todo. É o caso, fundamentalmente de leiras «con camiños antigos e muros afectados por Patrimonio», explicou, cuxos casos se lle trasladan a Medio Rural para que a Xunta «tente acondicionalos» aínda que a mellora en ocasións é «superficial». Sinalou que eses proxectos -como os acometidos en Codeseda, Arca e Val de Vexa- fanse «a instancias do Concello. Agradece a implicación do director xeral de Infraestruturas Agrarias e doutros responsables autonómicos como Antonio Crespo.
Noticia do Faro de Vigo do 05/05/2017