Unha trintena de peregrinos de Amares (Braga, Portugal) chegaron o domingo á praza do Obradoiro seguindo o Camiño da Geira e dos Arrieiros, e fixérono vestidos de templarios na honra dunha personaxe ilustre da súa freguesía, Gualdim Pais.
José Manuel Almeida, presidente da freguesía Caldelas-Paranhos comenta que esta ruta, pendente de aprobación pola Xunta “terá resolución, previsiblemente a finais de ano ou no primeiro trimestre de 2024”. Trátase dun Camiño que entra directamente en Compostela, sen enlazar en Galicia con ningún dos camiños xa oficiais.
O Geira-Arrieiros percorre tres concellos lusos, pola antiga vía romana, entra en Galicia e volve a de novo a Melgaço (Portugal), para logo continuar dende Cortegada até Terra de Montes e entrar en Santiago por Pontevea. “É a verdadeira esencia do Camiño”, di Almeida, “ten moita montaña, é o interior de Galicia, non hai portamochilas, podes ir soa boa parte das dez etapas coas que conta”.

Texto de Faro de Vigo