Noticia de Faro de Vigo
A Asociación Codeseda Viva celebrou onte na Sala Abanca da Estrada a sétima edición dos seus Premios Abadesa Mariana, un certame que busca recoñecer o labor deses axentes que ao longo de todo o ano contribúen á recuperación e conservación do patrimonio material e inmaterial do Camiño, especialmente o da Geira e dos Arrieiros.

Este ano o recoñecemento foi parar, en primeiro lugar, á veciña Julia Puente Moreira, de Tabeirós, que desinteresadamente decorou coas súas pedras e cunchas de vieira pintadas o entorno da capela da Consolación, convertíndoo nun dos lugares máis vistosos e predilectos dos peregrinos na súa viaxe a pé a Compostela. Malia que a falta de civismo dalgúns fixo que chegaran a desaparecer 31 das súas obras, Puente non se rinde e continúa a traballar parroquia estradense unha postal pintoresca..
Outro dos premios foi para a Asociación Virxe de Guadalupe, que recuperou en 2016 a procesión da Virxe da Grela, desaparecida dende os anos 60. A capela da Grela foi construída en 1748 coas aportacións de veciños das zonas marítimas da ría de Arousa, pois cada ano as xentes do mar acudían a este lugar para pedirlle á Virxe da Grela a súa proteción. A súa iniciativa fixo posible unha parte fundamental do patrimonio cultural galego, e iso destaca Codeseda Viva á hora de outorgarlle o galardón.
Finalmente, o último Abadesa Mariana foi para o municipio Cámara das Terras de Bouro, en Portugal. Aquí é onde se atopa a Geira que da nome ao camiño que pasa polas terras de Codeseda e A Estrada. Trátase do tramo de calzada romana con máis miliarios orixinais conservados en toda Europa. Dende a entidade organizadora destacan o compromiso deste concello luso por manter nas mellores condicións as zonas que recorre o itinerario de peregrinaxe, e co benestar de aqueles deciden empredelo.
Ademais da entrega de premios, que arrancou ás 13.00 horas, antes contouse cunha mesa redonda onde se discutiu o pasado, presente e futuro do Camiño da Geira e dos Arrieiros. Nela estiveron persoeiros como Xesús Palmou, Presidente Honorífico da Academia Xacobea; Javier Gómez, Presidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; Eulalia Fonseca, Francisco Grilo, José Carlos Casal e Fernanda Costa da Dirección Nacional da Associação Espaço Jacobeus. No debate concordaron en manter o volume de peregrinos nos 2.00 ao ano, para que se conserve a esencia e sexa unha ruta sostible cos veciños.
